Amicos presenta o selo Buque Azul no Mercado Municipal de Ribeira

30 Abril 2021

Na mañá deste 30 de abril o Mercado Municipal de Ribeira foi o escenario dunha actividade colectiva para visualizar a necesidade de coidar o medio mariño, unha das nosas principais fontes de recursos produtivos, económicos e alimentarios. A actividade foi dirixida pola comunidade da asociación Amicos, que visitaron o Mercado para presentar o selo Buque Azul, creado ao abeiro do proxecto Re-Mar, un distintivo que acredita que os produtos pesqueiros que adquirimos proveñen da pesca sustentábel e respectuosa co medio ambiente.

“Queremos fomentar a participación cidadá na redución de lixos mariños a través das persoas con discapacidade”, explicaba Sihomara Agrafojo, membro do proxecto Re-Mar, que é, nas súas palabras, “unha iniciativa para promover a implicación da sociedade na concienciación sobre a necesidade de protexer o patrimonio natural marítimo terrestre das Rías Baixas”.

Para alentar á cidadanía de Ribeira a colaborar, os integrantes de Amicos habilitaron un stand informativo dende onde explicaron os detalles do proxecto e os seus obxectivos. O posto serviu tamén de photocall para as veciñas e veciños interesados na iniciativa, que levaron de agasallo unha bolsa para a compra feita con materiais sustentábeis. “Queremos axudar a que as persoas reutilicen esta bolsa e xeremos menos plásticos que acaban no mar”, indicaba Macarena Fernández, usuaria de Amicos.

A iniciativa tivo unha gran acollida no mercado de Ribeira, onde unha chea de persoas pararon a solicitar información, mesmo axentes da Policía Local, que felicitaron a Amicos pola iniciativa.

Selo Buque Azul

A iniciativa do selo Buque Azul, así como o conxunto do proxecto Re-Mar, conta coa participación de varias confrarías de pescadores da nosa contorna.

A través dun proceso participativo, elaborouse unha Guía de boas prácticas de xestión dos residuos no entorno marítimo.

Os armadores integrantes das confrarías solicitaron as auditorías para recibir o selo de garantía Buque Azul, que é un distintivo que se outorga desde Re-Mar a aquelas embarcacións de pequeno tamaño que destacan polas súas boas prácticas en xestión de seus residuos.

A acreditación vai ser difundida polos mercados públicos e prazas de abastos da comarca para que os consumidores o poidan identificar e saiban que están mercando un produto capturado por embarcacións que xestionan correctamente os seus refugallos.

As próximas visitas aos mercados da comarca están previstas para o 5 de maio en Rianxo, o 8 en Boiro e o 15 na Illa de Arousa.

Este proxecto está impulsado pola Asociación Amicos, xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio, desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Preamar, co-financiado pola FEMP.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...