A Piscina de Rianxo fai un chamamento á cidadanía para recuperar (con seguridade) os hábitos deportivos pre-pandemia

Co obxectivo de fomentar o deporte entre as familias esta primavera-verán e contribuír a que recuperen os hábitos previos á pandemia, Aquafit, a concesionaria da Piscina Municipal de Rianxo, ampliou a súa programación de actividades con todas as garantías de seguridade e protección.

“Nos últimos meses, notamos que as persoas se volven a animar a facer deporte nos centros deportivos ao consideralos espazos seguros. Gustaríanos que esta tendencia se ampliase a toda a familia e facerlles ver a importancia do deporte na súa saúde”, comenta Óscar Rial, director da instalación, engadindo que “é moi importante a saúde e o deporte nos adultos, pero non esquezamos co que está a pasar, o problema que supón o sedentarismo infantil que se agravou coa pandemia”.

Por estes motivos, e tamén para combater o elevando índice de obesidade que afecta hoxe en día á rapazada (segundo os últimos estudos, o 40,6% dos nenos de 6 a 9 anos sofre sobrepeso), a Piscina Municipal de Rianxo lanzou un convite a todas as familias para apuntárense de novo no centro deportivo. Con esta finalidade, na Piscina e na Escola de Natación ampliouse a oferta infantil de actividades e achegáronse incentivos como por exemplo a gratuituidade da matrícula (en todos os abonos até o 18 deste mes). O obxectivo dos responsábeis da instalación deportiva é que “os seus usuarios volvan paseniño ás rutinas deportivas anteriores ao comezo da pandemia, pero nun espazo seguro que conta con todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias”.