Proclama histórica en Ribeira para celebrar o Día Mundial do Autismo

31 Marzo 2021

A praza do Concello de Ribeira acolleu na mañá deste 31 de marzo un histórico acto de reivindicación social con motivo do Día Mundial do Autismo, este 2 de abril. Foi histórico pola cantidade de administracións e entidades representadas (locais, comarcais, galegas), e tamén polo espírito de unidade conseguido grazas ao impulso da asociación comarcal Amicos, que fixo un esforzo especial estas semanas para elaborar unha máis que completa axenda de actividades conmemorativas do autismo (destinadas a convocar a máxima cantidade de forzas a prol desta causa e tirar abaixo, de maneira conxunta, o meirande número de barreiras á inclusión plena).

Na cita participou a conselleira de Política Social, Fabiola García, que pediu avanzar xunto ás persoas co dito trastorno cara a “unha sociedade sen estereotipos”.

A conselleira remarcou que “en días coma esta faise máis necesario ca nunca amosar ao mundo do que son capaces as persoas con autismo”. Neste sentido, agradeceu a Amicos a súa implicación “todos os días do ano” para dar ás persoas con autismo e ás súas familias “as ferramentas necesarias para o seu libre desenvolvemento e para gañar en autonomía”.

Amais de Fabiola García, participaron no acto reivindicativo Manuel Ruiz Rivas, alcalde do Concello de Ribeira, Santiago Freire, alcalde de Noia, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, Madgalena Pérez Millares, concelleira de Servizos Sociais de Porto do Son, Ana Isabel Ruiz Reiriz, concelleira delegada de Servizos Sociais de Ribeira, Juana María Brión Santamaría, concelleira delegada de Educación de Ribeira, Xoán España, director xeral da Asociación Amicos, Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos.

O obxectivo da convocatoria foi conmemorar o Día Mundial do Autismo coa lectura dun Manifesto polo TEA, que foi lido por dous membros da Asociación Amicos que teñen autismo: Juan Pombo e Alfonso Pérez. A proclama comezou deste xeito: “Amicos pretende crear conciencia sobre como xerar as condicións adecuadas para facer que a educación e o emprego sexan máis accesíbeis para o colectivo”. Juan e Alfonso reivindicaron no manifesto máis atención das administracións para atender ás necesidades de persoas con TEA, máis e mellores apoios para estudar, unha formación sen discriminación e recursos económicos para unha ensinanza adaptada. En canto ao traballo, pedían unha igualdade de oportunidades e “un sistema laboral inclusivo e adaptado”. Polo que atinxe ao ámbito do fogar, reclamaron “o dereito a unha vivenda digna en igualdade de condicións e adaptación cognitiva de todos os lugares públicos para facilitar a comunicación das persoas con TEA mediante pictogramas”.

Dende Amicos, Digna Iglesias, vicepresidenta da Asociación, agradeceu a todos os asistentes por acompañarnos na visualización do TEA: “Queremos que dentro das súas capacidades teñan acceso a todos os medios”, indicaba Digna.

Tamén estiveron presentes, como dixemos, outros edís da comarca: José Santiago Freire Abeijón, alcalde de Noia; José Ramón Romero García, alcalde de Boiro; Magdalena Pérez Millares, concelleira de Servizos Sociais de Porto do Son.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...