O oitavo Concurso de Novela Curta de Ribeira xa recibiu catorce obras a concurso

O Concello de Ribeira fixo balance da participación acadada até o momento na oitava edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. Segundo fixo saber, a falta de dúas semanas para que remate o prazo de admisión de orixinais (o 23 de marzo) son catorce o número de obras presentadas á convocatoria presente.

Para aqueles que aínda queiran concorrer e optar aos premios (3.000 euros, diploma conmemorativo e publicación da novela gañadora en Edicións Xerais) o Concello lembra que a obra debe ter unha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000, e débese presentar por quintuplicado en exemplares separados ao rexistro xeral do Concello.

As bases pódense consultar en www.ribeira.gal.

Para a concesión do premio valorarase a técnica literaria, a calidade da escritura e a orixinalidade, entre outros aspectos.

Nas súas sete primeiras edicións foron galardoados Begoña Paz (As mellores intencións), Ignacio Silva (Vertixes), Goretti Fariña (Orlando pendurado), David Pobra (Liña azul), Amadeo Cobas (A cacería), Antonio Tizón (Un home extraño) e Antonio Piñeiro (Celada).