O BNG adianta unha iniciativa para salvar o emprego no sector mar-industria do Barbanza

Representantes do Bloque Nacionalista Galego de Barbanza mantiveron este 18 de marzo unha xuntanza en Rianxo para achegar detalles acerca da postura da agrupación en relación coa Lei de Cambio Climático que impulsa o Goberno. Segundo fixeron saber, cómpre modificar o artigo 18 do dito proxecto, co fin de que se exceptúen as actividades vinculadas ao complexo mar-industria, de carácter sustentábel.

Ao fío do vindeiro debate sobre a Lei de Cambio Climático na Comisión de Transición Ecolóxica, o BNG avanzou unha proposta, que fará chegar a todos os grupos políticos, que permita resolver o problema xerado polo artigo 18 para a continuidade “de toda unha serie de actividades no litoral galego”, actividades “en xeral sustentábeis e respectuosas co medio e que xeran millares de postos de traballo, dinamismo e riqueza na nosa costa e están vinculadas ao sector pesqueiro e marisqueiro”, explicaron o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, os voceiros e voceiras do BNG na Barbanza, Raquel Suárez, Carlos Ansoar e Xosé Vázquez, e máis a deputada do BNG, Rosana Pérez.

A dita proposta, que forma parte dunha serie de emendas á lei e que é unha solicitude para suprimir o artigo 18 (que realiza unha modificación do previsto na Lei de Costas e “ameaza a continuidade e o futuro de centos de actividades vinculadas ao complexo mar-industria alimentaria no noso país”) foi debullada por Rosana Pérez, que dixo que é preciso regular “con criterio social e ambiental a ocupación do dominio público marítimo terrestre, isto debería facerse na propia Lei de Costas e en diálogo co sector e non pola porta de atrás, cun artigo noutra lei”.

En todo o caso, unha vez que a emenda do BNG non prosperou no debate no relatorio da Lei, a formación nacionalista traslada ao resto das forzas políticas unha proposta de transaccional que exceptúe as actividades vinculadas ao complexo mar-industria. No concreto, trátase dunha emenda de engadido ao apartado 4 do artigo, do seguinte maneira:

“Quedarán exceptuados do estabelecido neste apartado os títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre vinculados ao desenvolvemento de actividades de acuicultura, depuración de marisco e conserveiras e calquera outra relacionada co sector mar-industria que teña carácter sustentábel”.

No BNG argumentan que a proposta ten a virtude de “deixar claro que non se trata de defender a permanencia no dominio público de actividades que non teñen razón de ser no espazo litoral, como é o famoso caso de ENCE que si ou si ten de saír da ría de Pontevedra”.

Defensa de millares de postos de traballo na Barbanza

Os representantes do BNG engadiron que “no caso da Barbanza existen industrias afectadas e que dan traballo a miles de persoas”, en palabras de Pérez Fernández, quen sinala que esta emenda “permitiría manter o previsto no artigo en relación coa ocupación do litoral por actividades respectuosas co medio natural e, ao mesmo tempo, preservaría as actividades sustentábeis da costa galega e salvagardar a totalidade dos empregos que, en caso contrario, poderíanse perder”.

A deputada nacionalista empraza ao PSOE a posicionarse do lado da realidade ambiental, social e laboral de Galiza e apoie a emenda transaccional que presenta o BNG que “ten por obxectivo fundamental preservar actividades económicas das que viven millares de persoas en todos os concellos da costa galega”. Pérez criticou ao PSdeG por “obedecer as ordes de Madrid e non rexistrar unha emenda, en termos moi semellantes á do Bloque, que anunciaron que ía presentar”.

Por outra banda, a deputada tamén criticou a actuación “lamentábel” do PP que tenta “confundir e manipular a opinión pública para sacar réditos políticos, chegando mesmo, a falsear información sobre o posicionamento do BNG no Congreso”.