Galicia opta a fondos europeos en 7 proxectos do mar para 1.000 empregos

Iniciativas de Nova Pescanova, Jealsa e Anfaco que pasan por un envasado sostible de conserva e unha biorrefinería mariña, entre outros

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe os sete primeiros proxectos vinculados ao futuro da cadea agro-mar-industria, que aspiran a captar 550 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation e a crear 1.000 novos empregos.

Durante o Foro Next Generation agro-mar-industria, Feijóo asegurou que neste sector, Galicia está a traballar en dúas liñas de actuación: integrar proxectos que poidan acoller toda a cadea de valor, aproveitando o efecto tractor das grandes empresas coa implicación directa das pemes; e que moitas iniciativas se poidan desenvolver a través da colaboración con outras comunidades.

Así mesmo, incidiu na importancia de integralas tamén dentro do proxecto de economía circular que a Comunidade xa ten presentado cun volume de investimento de 570 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta salientou que o primeiro proxecto, o Plan de Transformación e Resiliencia, elaborado por Anfaco e cun investimento de 300 millóns contén actuacións como a implantación de envasado sustentable, a mellora da trazabilidade, o emprego de enerxías renovables ou a implantación de sensorización avanzada.

No tocante ao proxecto We Sea, presentado por Jealsa e cun investimento de 100 millóns de euros, resaltou que este inclúe a creación dunha planta de biorrefinería mariña, “un eido no que podemos ser líderes en Europa”, aseverou. Ademais de incorporar actuacións no eido do hidróxeno, no ámbito das factorías intelixentes e a loxística, ou na sustentabilidade para acadar envases 100% renovables.

Sobre o terceiro proxecto, chamado Mexigal, de Ceamsa, o presidente da Xunta subliñou que esta iniciativa, que suporá un investimento de 43 millóns, propón aproveitar a capacidade contrastada de Galicia para a produción de mexillón, na que destacamos por ser a principal rexión de Europa. “Estamos a falar de aproveitar os residuos da cuncha do mexillón e doutros mariscos para a fabricación de tres liñas de fertilizantes sólidos”, explicou.

Por outra banda, destacou tamén a aposta feita por un grupo de empresas lideradas pola galega Profand, de cara á un novo modelo de transformación e comercialización de peixe fresco, orientado, por exemplo, á mellora da seguridade alimentaria.

No eido da acuicultura, e entre as dúas actuacións presentadas por Nueva Pescanova, destacou a referida á implantación dun sistema de acuicultura 4.0, baseado na aplicación de tecnoloxías para mellorar a xestión e a produtividade, como a intelixencia artificial, o Internet das cousas, a sensorización ou a xestión de datos.

Xa para finalizar, o presidente do Executivo autonómico analizou o proxecto elaborado pola Xunta para abrir unha nova canle dixital de comercialización de produtos das pequenas lonxas. Ademais dunha iniciativa da Consellería do Mar que, dotada con 11 millóns de euros, prevé poñer en marcha, entre outras cousas, un criadeiro experimental de moluscos bivalvos, un plan de selección xenética ou o impulso da valorización dos residuos.

Arbitrariedade no reparto dos fondos

Feijóo concluíu incidindo na oportunidade que supoñen estes fondos europeos, que contan con dúas prioridades básicas: a planificación; e a cooperación público-privada, para identificar novas necesidades e aliñalas coa modernización industrial, a dixitalización e a sustentabilidade. Uns fondos que serán a panca para acadar unha economía máis moderna, innovadora e preparada para unha nova época.

Ao respecto, valorou que o Consello de Estado ratificase o que se vén advertindo desde Galicia: que o modelo do Goberno na xestión dos fondos europeos pode xerar arbitrariedade. E aproveitou o acto para incidir na obriga de levar á práctica a cogobernanza; ademais de facer de novo un chamamento ao Executivo central para que outorgue seguridade xurídica e confianza aos inversores.

Así, e en relación ao sector da automoción, o presidente da Xunta valorou o anunciou do Goberno de crear unha planta de baterías eléctricas en Cataluña, apoiada con fondos europeos e na que tamén participará o Estado.

“Desde Galicia aplaudimos todo o que supoña impulsar esta industria, pero esperamos que o Goberno central manteña tamén as mesmas oportunidades para o resto das comunidades”, demandou, cuestionando o feito de que o Executivo faga este anuncio antes de comezar o proceso de selección das iniciativas e antes de coñecerse os criterios que rexerán a dita selección.

“Galicia so quere competir en igualdade de condicións co resto das comunidades”, dixo, apelando á concorrencia competitiva e ao mérito nos proxectos susceptibles de que se lles destine diñeiro público.