CONGALSA irrompe con forza nos produtos ecolóxicos con dúas novas referencias

04 Marzo 2021

A compañía CONGALSA, referente galego e estatal en alimentación e produtos do mar, comezou o mes de marzo cunha importante novidade: o lanzamento ao mercado dos que serían os seus primeiros produtos ecolóxicos. Trátase de dúas novas referencias da súa marca para retail, Ibercook Fun Food, que, segundo apuntan fontes da empresa da Pobra do Caramiñal, “buscan dar resposta á crecente demanda de alimentos BIO”.

Alimentos saudábeis

En liña coa estratexia da compañía de “proporcionar alimentos saudábeis”, CONGALSA lanzou os seus dous primeiros produtos elaborados con ingredientes procedentes de agricultura ecolóxica. Trátase de dúas novas referencias para dúas das súas liñas de produto máis diferenciadoras; os rolos de primavera BIO e as empanadillas BIO para pasar polo forno.

Os rolos de primavera BIO completan unha gama que consta xa de tres receitas (de vexetais, polo ao curry e mexillón con wakame), mentres que as empanadillas BIO de champiñóns e berenxenas súmanse ás xa presentes no seu catálogo de empanadillas para forno, con recheos de carne, polo tex-mex ou pizza.

“Detrás destes dous novos lanzamentos está a aposta de CONGALSA por seguir innovando na categoría de alimentos preparados ultraconxelados, proporcionando unha maior variedade de produtos nun momento de crecente preocupación polo benestar, a saúde e o medio ambiente”, explica Julio Simarro, director de Mercadotecnia e Vendas da empresa con sede no Polígono da Tomada da Pobra.

Veganos, vegetarianos ou flexitarianos, un 7,8% en España

Segundo confirma CONGALSA, a empresa leva anos poñendo o foco nas novas tendencias en alimentación, correntes, alternativas e demandas que marcan tamén a axenda de desenvolvementos da compañía, polo que “estas dúas novas receitas buscan satisfacer as necesidades da crecente demanda do consumidor veggie”.

De feito, trátase dun colectivo (a dos vexetarianos nas súas diferentes modalidades) que representa o 7,8% dos consumidores en España, e a tendencia é a de medrar.

CONGALSA explica que “malia que as motivacións do comprador de produtos de orixe vexetal son variadas, está claro que existe un factor determinante, que non é outro que a preocupación pola alimentación e a calidade dos produtos que adquire”, e este factor é determinante na aposta da empresa pobrense por “desenvolver produtos 100% naturais e libres de aditivos”.

Así nolo explica Julio Simarro: “Nos últimos anos, un número crecente de consumidores apostou por reducir ou eliminar da súa dieta os alimentos de orixe animal, e o que fai catro ou cinco anos podería parecer unha moda, é hoxe en día unha tendencia consolidada”.

Certificación ecolóxica

Os dous novos produtos BIO de CONGALSA foron sometidos aos programas de rastrexabilidade (trazabilidade) e control que esixe a normativa europea e están avalados polo selo certificador de CRAEGA, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Estes dous selos garanten a procedencia dos ingredientes utilizados e facilitan ao consumidor a tarefa de identificar o produto ecolóxico na canle convencional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

“Dereito a unha vivenda digna, sí; pero cómo?”. Antón Luaces

“Dereito a unha vivenda digna, sí; pero cómo?”. Antón Luaces

Como cidadáns españois todos temos dereito a unha vivenda digna e axeitada. De feito, a Constitución Española establece no seu artigo 47 que "tódolos españois teñen dereito" a disfrutar dela. O mesmo artigo recoñece que "os poderes públicos promoverán as condicións...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.