As agrupacións de Protección Civil xa poden solicitar as axudas da Deputación ás súas actividades

O deputado Blas García nunha imaxe de arquivo da súa xuntanza con Protección Civil de Boiro

A Deputación da Coruña abriu a liña de axudas para actividades deste ano das asociacións e agrupacións provinciais de Protección Civil, unha liña que vén con 60.000 euros (con contías que oscilarán entre os 1.000 e os 12.000 euros). As agrupacións de Protección Civil recibirán ademais da Deputación material coma scooters, bicicletas e equipos de comunicación. Estes apoios foron debullados onte polo deputado Blas García.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a convocatoria desta liña de subvencións, coa que se pretende financiar as actividades das agrupacións de Protección Civil da provincia que pertenzan ou desenvolvan o seu traballo en concellos con menos de 50.000 habitantes.

O deputado responsábel da área de Promoción Económica, Blas García, destacou “o apoio decidido” da Deputación ás agrupacións da provincia, agradecendo unha vez máis “o importante traballo que están a levar a cabo estes voluntarios no contexto de crise sanitaria e económica no que nos atopamos na actualidade”.

Entre os gastos que vai financiar nesta liña de subvencións atópase a compra de bens destinados á actividade, formacións (cursos e material didáctico), organización de eventos e subministracións, entre outros.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2021.

As tramitacións deberanse facer por vía telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación.