Amicos retoma os traballos participativos para combater a presenza de lixo mariño

Este 23 de marzo a Asociación Amicos retomou os procesos participativos do proxecto RE-MAR na Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz. RE-MAR é un proxecto colaborativo entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, a poboación local e os visitantes das illas atlánticas de Galicia e a súa área de influencia, na “procura dun modelo de desenvolvemento endóxeno inclusivo baseado na conservación da contorna litoral e mariño”, segundo lembraron os integrantes da entidade inclusiva da nosa comarca, poñendo o foco nos grandes obxectivos concretos de RE-MAR: fomentar a máxima participación cidadá para reducir os lixos mariños, implicar aos colectivos en risco de exclusión para pórlles freo e visualizar ao máximo o problema ambiental que representa o lixo na costa e en mar aberto.

Segundo explicaba Nuria Calo, coordinadora e xestora do proxecto RE-MAR, para conseguir a colaboración das diferentes confrarías mariñeiras elaborouse unha guía de boas prácticas de xestión de residuos nas principais actividades do sector pesqueiro: “Estamos colaborando coas confrarías para ver que procedementos teñen xa instalados e cales se poden mellorar”, explicaba Nuria, engadindo que os colectivos e os profesionais do mar, a cambio das súas boas prácticas, poderán recibir o selo participativo de garantía Buque azul, que é un distintivo que se outorga desde RE-MAR a aquelas embarcacións de pequeno tamaño que destacan pola boa xestión dos seus residuos.

Amicos, xunto coas confrarías de pescadores, e dentro destes procesos participativos, definirá as condicións necesarias para obter este recoñecemento.

O selo Buque azul vai ser difundido por diferentes lugares públicos da comarca para que “os consumidores saiban que están mercando un produto capturado por pescadores e mariñeiros que xestionan correctamente os residuos nas súas embarcacións”, explicou Nuria.

Pola súa banda, Macarena Fernández, usuaria do Fogar Amicos e participante deste proxecto explicaba que xa levan limpado varias praias e colaborado con diferentes colexios da zona para que se sumen á concienciación medioambiental a través de O xogo do lixo mariño, similar ao xogo da oca: “Os nenos aprenderon moitas cousas con nós e nós con eles”, fixo saber.

“A finalidade do proxecto é conseguir que as persoas con discapacidade sexan un motor de cambio como actores e activistas para a transformación social”, concluía Xoán España, director xeral de Amicos.

Este proxecto está impulsado por Amicos, xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio, e desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Preamar, co-financiado polo FEMP. Comezou a finais de 2019 e estamos retomando a súa actividade despois da crise sanitaria vivida polo COVID-19.

Na foto de dereita a esquerda:

• Nuria Calo, coordinadora do proxecto RE-MAR.

• Carmen Piñeiro, usuaria do Fogar Amicos e participante do proxecto RE-MAR.

• Marcarena Fernández, usuaria do Fogar Amicos e participante do proxecto RE-MAR.

• José Manuel Pérez , Patrón Maior da Confraría de Cabo de Cruz.

• Xoán España, director xeral da Asociación Amicos.