Alfonso Mera, párroco de Ribeira: “A celebración da Semana Santa mobiliza, atrae e implica aos cristiáns que participan ao longo de todo o ano”

Alfonso Mera, párroco Santa Uxía de Ribeira

Todos os anos, os galegos celebran nas súas respectivas parroquias os actos da Semana Santa. Na comarca de Barbanza, nenos e adultos desfrutan destas datas, portando polas rúas ramos de loureiro e oliveira. Sen embargo, este ano a Semana Santa preséntase diferente por mor da pandemia. Por iso, o párroco de Ribeira contextualiza a situación a continuación:

-Que é a Semana Santa?

-Tratando de non estendernos moito a Semana Santa é unha tempada moi importante para os cristiáns polos acontecementos que se conmemoran: a paixón, a morte e a resurrección de Xesús. Tamén se chama “Semana Grande” e comprende dende o Domingo de Ramos ata a celebración da Resurrección. Celebrar a Semana Santa é percorrer os derradeiros pasos de Xesús e descubrir o amor incondicional de Deus pola humanidade. Nestes días queda ao descuberto o verdadeiro rostro e proxecto de Deus, ademais do tempo, actitude e corazón humanos. Todo remata coa Pascua, que é a experiencia definitiva do amor de Deus.

-Por que a Semana Santa cambia de data cada ano

A razón é moi antiga e ten relación coa morte de Xesús e coa Pascua Xudía. A morte de Xesús coincide no 15 do mes de Nissan do calendario xudeu. O 15 de Nissan e a Pascua Xudía coinciden coa primeira lúa chea de primavera. Sen embargo, a Igrexa Católica celebra o día de Pascua o primeiro domingo de lúa chea. Isto fai que a celebración da Semana Santa se mova entre o 22 de marzo e o 25 de abril.

-Como viven habitualmente os galegos a Semana Santa?

-Hai que recoñecer que é un tempo no que a participación nas celebracións é máis viva e activa. A fe e o fervor exprésanse nas celebracións e nas procesións, en moitos casos cunha participación moi numerosa. Hai quen vive este momento implicándose no que se conmemora, sentíndose parte do que se celebra. Tamén hai quen o mira ou o contempla dende fóra, máis como espectador. Desde a miña experiencia nas distintas parroquias, a celebración da Semana Santa mobiliza, atrae e implica aos cristiáns que participan ao longo de todo o ano.

-Cal é o día máis importante da Semana Santa?

-Non podo sinalar un día como o máis importante. Hai que ter en conta que o Triduo Pascual, é dicir, o xoves santo, venres santo e o sábado, que culmina coa Vixilia Pascual, son como unha soa celebración. Ningún dos días ten sentido por si só, pois forman un todo. Pode pasar que a nivel persoal se viva con máis intensidade un dos momentos.

-Como se presenta este ano a Semana Santa?

-Xa nos chegaron as indicacións do Arcebispado e da Conferencia Episcopal para esta Semana Santa 2021, na que recomendan a celebración presencial na medida en que sexa posible e respecte as normas sanitarias. Claro está que a situación excepcional que vivimos afecta á Semana Santa, xa que o aforo reduce considerablemente a oportunidade de participar presencialmente na celebración. Con todo, estase a facer un programa de Semana Santa adaptado a este ano 2021, que permita vivir esta festividade con todas as restricións e medidas para conservar a saúde.

A COVID- 19 obrigou a ser creativos, a atopar novas iniciativas e medios para vivir a fe comunitaria, incluso no confinamento. Este ano 2021 non pode xuntarse todo o mundo nas celebracións litúrxicas, pero si achegarse á igrexa ao longo do día, sen crear aglomeracións e situacións de risco. Por iso, este ano a programación da Semana Santa da Parroquia de Santa Uxía de Ribeira complétase con momentos de oración e reflexión, de contemplación e meditación ao longo de todo o Triduo Pascual. Son distintas propostas as que este ano substitúen as procesións. Ademais, haberá un complemento extraordinario, unha exposición fotográfica de Semana Santa. Finalmente, o Canal Barbanza difundirá todo o que ocorra na localidade, para desfrutar deste tempo coa familia.

Parroquia de Santa Uxía de Ribeira

-Que actividades están previstas?

Aínda está por definirse o programa deste ano. Destaca a exposición fotográfica, que ten un formato moi interesante e na que traballan o Concello de Ribeira, Lesmes Fotógrafos e a Parroquia de Santa Uxía de Ribeira.

Entre o luns santo e o mércores santo, eu visitarei a enfermos e ás persoas maiores da parroquia, para ofrecerlles a participación dos sacramentos da Eucaristía, a Penitencia ou a Unión. Durante o Triduo Pascual, sucederanse distintos momentos de oración e meditación, dirixidos por catequistas, e outros membros da parroquia. O Xoves Santo, despois da celebración da Santa Cea, se recordará a Xesús en Getsemaní. A hora da Procesión do Paso, esta ano faranse tornos na igrexa. O Venres pola mañá, que tiña lugar o Encontro, realizarase unha reflexión-meditación. Pola tarde, despois da celebración da Paixón, tampouco sairá a Procesión do Santo Enterro. O sábado, marcado pola soidade de María, coa que moitas nais e pais se senten identificados, se preparará a Vixilia Pascual e a celebración de Domingo de Resurrección. Desta forma, poderase vivir a Semana Santa actual e esperar aos vindeiros anos para facelo sen limitacións.

-O Domingo de Pascua vai ser diferente a outros anos? Cree que as familias se reunirán igualmente?

Cando quedan feridas e sufrimento, o normal é tratar de actuar en consecuencia. Confío en que vai ser diferente porque hai maior conciencia, pero son consciente de que pronto nos esquecemos e nos relaxamos. Non sei o que vai pasar. Sei que necesitamos saír desta situación na que cada retroceso significa perdida de vidas e de traballo, e case sempre os damnificados son os mesmos. Necesitamos unha boa campaña de sensibilización para todas as idades, que nos sitúe fronte a fronte cos máis vulnerables desta pandemia.

Pascua tamén é cando triunfa o amor polos demais, que se traduce e concreta no seu coidado e na procura de salvar vidas e traballos. A solución non é só a crítica e a denuncia das inxustizas, senón tamén o compromiso persoal e colectivo. Si que creo que as familias tomarán medidas, xuntaranse menos, cumprindo coas normas sanitarias, e farán o posible por non caer na traxedia dunha cuarta ola.

Semana Santa Ribeira. Joferpa