A Real Filharmonía de Galicia estrea a obra Un ollo de vidro do compositor rianxeiro Antón Alcalde

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal este 25 de marzo, ás 20.00 horas en formato híbrido (dende o Auditorio de Galicia e achegando a opción do streaming a través do sitio da RFG en Youtube). Desta volta por o foco na obra do compositor rianxeiro Antón Alcalde. Farao interpretando a súa peza Un ollo de vidro, un encargo da RFG para conmemorar os cen anos da publicación da obra literaria homónima, escrita no seu día por outro rianxeiro: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O concerto contará coa batuta do director titular e artístico da Real Filharmonía, Paul Daniel.

As entradas xa poden adquirirse na web www.compostelacultura.gal.

Amais, baixo o título A canción da terra, a orquestra interpretará a obra homónima de Gustav Mahler (1860-1911), orquestrada por Iain Farrington. Contarase con dous das voces máis destacadas do panorama lírico nacional, a mezzosoprano Mariña Pardo e o tenor Andeka Gorrotxategi.

Apoio aos novos compositores galegos

Será ademais a estrea absoluta da obra Un ollo de vidro, que o compositor galego Antón Alcalde (Rianxo, 1992) escribiu por encargo da Real Filharmonía de Galicia, en liña co propósito da RFG de impulsar a novos compositores da comunidade e á creación contemporánea.

Esta serie de encargos de temática galega conta co apoio do Xacobeo.

Tal como indica o compositor, a obra, cunha duración aproximada de trece minutos, toma o seu título do relato curto homónimo escrito por Castelao e publicado na editorial Céltiga en 1922. “Nel, Castelao describe en primeira persoa unha historia macabra, humorista e irónica co ‘máis aló’ como transfondo. Cada personaxe no relato describe á súa vez a un membro de cada categoría social da época, filtrados desde un prisma crítico e satírico. O status social define a súa preponderancia polo diñeiro, que é o elemento que dá e quita o poder, pero que no mundo do ‘máis aló’ resulta completamente estéril. Así, a morte termina por igualar á criada e ao cacique, ao rico home de negocios e á moza que morre por amor”, explica o compositor.

A obra está dedicada a Paul Daniel así como á Real Filharmonía de Galicia, escrita en memoria de Castelao como homenaxe ao centenario da publicación de Un ollo de vidro.

Un compositor cunha prometedora carreira internacional

Nacido en Rianxo en 1992, a obra de Antón Alcalde foi interpretada en máis de 30 países de América, Europa, Asia e Oceanía. Ao longo da súa traxectoria recibiu encargados de importantes organizacións e solistas nacionais e internacionais como o Consello da Cultura Galega, o Certame Internacional de Bandas Vila da Sènia, Bevers Harmonieorkest, Izumo Symphonic Band Enishi, Festival de Cinema Curtocircuíto, Quinteto Hércules, Bevers Harmonieorkest Brass e a propia Real Filharmonía de Galicia; e dos solistas Alexandre Doisy, Roberto Oliveira e Hiroko Yamakawa, entre outros.

Con tan só 13 anos, a súa obra Concertino para só-timbales foi estreada polos estudantes de Nick Woud no Conservatorio Superior de Música de Ámsterdam (2015). Aos 15 anos obtén o primeiro premio no II Concurso de Composición Iberoamericano para Banda (2009); e o primeiro premio en todas as categorías do II Concurso Galego de Composición para Banda, repetindo galardón até en cinco ocasións consecutivas, sendo o compositor máis novo en recibilo. Conseguiu tres medallas simultáneas (prata e dous bronces) nos Global Music Awards e recibiu dous nomeamentos aos Hollywood Music in Media Awards.

En 2016 estrea a obra electroacústica Holograms a cargo de Roberto Oliveira no Extravaganza Percussion Festival, celebrado na Real Academia de Música de Irlanda. En 2017 é seleccionado como compositor residente no prestixioso programa do ArtsIceland Institute de Islandia. En 2019 gana o premio Francisco Guerreiro Marín no XXX Premio Novos Compositores Fundación SGAE-CNDM coa súa obra Firefly -after Tokyo Blues-.

En 2020 a súa peza Sculptures in Brass é seleccionada polo seminario Juilliard Brass Quintet, impartido polo recoñecido quinteto de metais American Brass Quintet (Nova York).