A Piscina de Rianxo amplía tres anos o contrato de xestión de servizo público

Dende o Concello de Rianxo anunciaban este xoves 4 de marzo a renovación por tres anos do contrato de xestión de servizo público (concesión administrativa) da piscina climatizada e instalacións anexas do Concello de Rianxo coa empresa Aquafit Gestión SL.

Cómpre dicir que o dito contrato dá comezo o 28 de febreiro de 2014 e tiña unha duración de 7 anos que podían prorrogarse por 3 anos deica un máximo de 10, estendéndose agora con esta última ampliación até 2024. Asemade, para que esta prórroga se puidera efectuar debía existir acordo expreso entre as partes, trámite que se fixo efectivo hai uns días.

Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo) e Óscar Rial (director da instalación) mantiveron un encontro na piscina para falar dos vindeiros anos de contrato e celebrar o acordo entre as partes.

Para rematar, sinalar que o alcalde amosou a satisfacción que dende o Concello se ten co traballo que a concesionaria desenvolveu durante estes anos e dixo “estar seguro de que as persoas usuarias da piscina están nas mellores mans posíbeis”. Pola súa banda, Óscar Rial agradeceu a confianza depositada en Aquafit Gestión SL e quixo salientar a colaboración na relación mantida entre empresa e Concello.