A Deputación abre a convocatoria de axudas de PEL 2021, que mobiliza 5millóns de € ao servizo de persoas autónomas, pemes e microempresas

O PEL máis social da historia. Así foi presentado este 15 de marzo o novo programa de axudas da Deputación da Coruña para apoiar a unhas persoas autónomas e unhas microempresas que a entidade provincial cualificou de “indispensábeis”. A elas vai dirixidas unha convocatoria (PEL 2021) que mobiliza máis de 5 millóns de euros para financiar novas contratacións, investimentos que melloren a competitividade das empresas e cotas á Seguridade Social. “Estamos ante o PEL máis social, cun orzamento que sobe un 40% e incorpora novas liñas para adaptarse á situación actual e apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia”, afirmou Valentín González Formoso na presentación da convocatoria 2021.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente Xosé Regueira e o deputado responsábel da área de Emprego, José Ramón Rioboo, deron a coñecer os detalles dunhas novas axudas para autónomos, pemes e microempresas da provincia cuxo prazo de solicitudes remata o 15 de abril. Na cita cos medios, o presidente explicou que o PEL “permitirá seguir creando emprego e impulsar con axudas de entre 2.500 e 46.000 euros a reactivación da hostalaría, o pequeno comercio, as persoas autónomas e microempresas, que como di o lema da campaña forman parte das nosas vidas e son socialmente indispensábeis”.

En concreto, dixo, dos máis de 5 millóns de orzamento do PEL, 2,5 destinaranse a subvencionar a contratación de traballadores/as, 2,26 millóns a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente creación e 500.000 € a unha nova liña (PEL-Autónom@s) que subvencionará o 70% das cotas das persoas autónomas á Seguridade Social durante un ano.

González, Regueira e Rioboo engadiron que “debido á excepcionalidade do momento actual, este ano todas as axudas PEL serán compatíbeis entre si”. Deste xeito, aclararon, unha microempresa ou persoa autónoma podería optar a un total de 46.300 euros entre as catro axudas, mentres que na anualidade pasada o máximo que podería ter recibido é unha subvención para investimento de 17.500 euros.

Outra novidade que se pon en xogo é a redución notábel da documentación a presentar polos solicitantes, que no momento de solicitude so deberán presentar o Anexo de xestión empresarial sostible, e ademais suprímense das exclusións ás sociedades civís, de maneira que estas poderán ser beneficiarias das axudas PEL na presente convocatoria.

As axudas PEL adáptanse á realidade da pandemia

A Deputación valorará positivamente “os sectores estratéxicos” e “de alto potencial en Galicia”, así como “as actividades económicas máis afectadas pola pandemia da COVID-19”.

Para a concesión das axudas estimaranse aspectos coma a responsabilidade social empresarial, a creación de novas liñas derivadas da nova situación da pandemia COVID-19 ou a innovación empresarial.

Nova liña para apoiar ás persoas autónomas

Un dos obxectivos actuais da Deputación da Coruña é axudar ás persoas autónomas a facer fronte ás cotas sociais debido á súa baixada na facturación. De aí que puxera en marcha este ano a nova liña PEL-Autónom@s. Esta liña destina 500.000 euros para os profesionais cunha antigüidade máxima de 5 anos de exercicio continuado no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou como mutualista de colexio profesional. A axuda consistirá no pago de 200 euros por mes durante doce mensualidades como máximo, correspondentes aos meses do ano 2021.

Ademais nesta liña esíxense como requisitos para obter a condición de beneficiario/a que as persoas autónomas ou mutualistas conten co seu domicilio fiscal nalgún municipio da provincia da Coruña e que non estean a percibir ningunha axuda por parte de calquera organismo para sufragar as cotas sociais.

A través disto, a Deputación sufragará o 70% dos custes das cotas á Seguridade Social durante un período de 12 meses,unha vez esgotadas todas as axudas e bonificacións estatais e de demais organismos, de xeito que cada autónomo/a que cumpra estes requisitos poderá optar a unha axuda máxima de 2.400€.

Axudas ao investimento

A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.260.000 euros, está destinada a autónomos e empresas que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio fiscal en calquera dos concellos da provincia da Coruña. As axudas cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en de aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros, sen IVE.

Axudas á contratación

A liña PEL-PEMES contará este ano cun orzamento de 2 millóns de euros coa finalidade de subvencionar a novas contratacións de persoas durante un período de 12 meses ás pequenas empresas e autónomos/as con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña. A Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social da persoa traballadora contratada, cunha achega máxima de 15.400 euros anuais.