Galicia inicia na tarde deste xoves a vacinación de persoas entre 50 e 55 anos cunha proba piloto de administración masiva que terá lugar na Cidade da Cultura e á que están citadas 1.000 persoas da área sanitaria de Santiago. O proceso seguirá o sábado con outras 20.000 persoas de todas as áreas.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados no comité clínico.
O inicio da campaña entre os galegos de 50 a 55 anos, para dar saída ás vacinas de AstraZeneca, arrincará na tarde deste xoves, cando a Cidade da Cultura acollerá un dispositivo piloto de vacinación masiva para testar tanto o sistema de citas como o proceso.
O sábado continuará a vacinación deste colectivo con 20.000 persoas citadas en todas as áreas sanitarias.
As doses administraranse nos hospitais comarcais naquelas áreas con menos poboación e en dispositivos especiais masivos no resto.
