A DXT desenvolve desde o luns en Galicia unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses

Os controis realizaranse ata o domingo 14 e prestarase especial atención ás condicións técnicas do vehículo, a velocidade ou a seguridade da carga transportada

A Dirección Xeral de Tráfico comezará este luns 8 unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses nas estradas de Galicia. Ao longo da semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis sobre este tipo de vehículos nas estradas galegas, contando coa colaboración de numerosas policías locais, que tamén se suman á mesma.

Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizaranse o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Ademais, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

Os axentes farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, o seu peso, o acondicionamento da carga, o estado dos pneumáticos ou o adecuado funcionamento da iluminación.

Realizarán ademais verificacións de carácter administrativo, examinando a documentación do vehículo e o permiso dos condutores; comprobarán os tempos de condución e descanso, así como o consumo de alcol; tamén vixiarán a velocidade e o mantemento da distancia de seguridade.

Maior risco na condución de camións

A pesar de que o 68% do parque de vehículos en España son turismos, o transporte de mercadorías (camións e furgonetas) ten un peso importante no que a seguridade viaria refírese, xa que representa o segundo tipo de vehículo máis numeroso que circula polas nosas estradas (14% do total do parque) e están implicados no 16% dos accidentes con vítimas ocorridos no ano 2019. O parque de autobuses representa ao redor do 0,2% do total do parque automobilístico, estando implicados no 2% dos accidentes con vítimas.

Este dato, unido a un maior índice de letalidade no caso de accidentes con vehículos de mercadorías de máis de 3.500 kg. levou á DXT para poñer en marcha entre o 8 e 14 de febreiro unha nova campaña de vixilancia e control. Ademais, en marzo e novembro está previsto tamén acometer tamén senllas campañas dirixidas ao control de furgonetas.

É preciso resaltar que no ano 2019 o número de accidentes mortais nos que estiveron involucrados camións e autobuses foi de 8.463, nos que faleceron un total de 298 persoas.

O risco na condución de camións é maior que en turismos, debido á carga que transportan e a un menor equipamento de seguridade activa e pasiva. Ademais, a sensación de seguridade que experimenta o condutor, a menor velocidade e a elevación da cabina, leva a que o número de distraccións sexa maior e o uso de cinto sexa menor. De feito, segundo os datos da DXT no ano 2019 os camións de ata 3.500 kg de MMA víronse implicados en 1.532 accidentes con vítimas e a súa incidencia foi similar en vías urbanas (54%) e en interurbanas (46%), falecendo 28 persoas neles.

Os camións de máis de 3.500 kg. estiveron pola súa banda involucrados en 4.252 accidentes con vítimas, sucedendo maioritariamente en vías interurbanas (74%), cun balance dun total de 236 persoas falecidas, de tal forma que o número total de vítimas mortais nos accidentes de camións foi de 264..

No que respecta a os autobuses, nese mesmo ano producíronse 2.392 accidentes con vítimas nos que estivo implicado un autobús, ocorrendo o 88% deles en vías urbanas. Nestas vías, nas que sucederon 2.108 accidentes, resultaron falecidas 23 persoas, 31 feridos hospitalizados ocupantes do autobús e 2.027 foron feridos non hospitalizados.

Durante os sete días de duración da campaña de vixilancia e control que a DXT realizou o pasado ano, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlaron a 12.175 vehículos (11.548 camións e 627 autobuses), sendo denunciados 2.525 condutores por non cumprir algúns dos preceptos da normativa de tráfico e seguridade viaria. En concreto, as denuncias por exceso de horas de condución foron as máis numerosas, cun total de 981, mentres que outras 505 sancións foron irregularidades administrativas na documentación, 352 por exceso de peso e mala disposición da carga e 198 por cuestións relacionadas co tacógrafo. Ademais, chegáronse a inmobilizar 42 camións e 84 ocupantes de camións e cinco de autobuses foron multados por non levar posto o cinto de seguridade.