Valoración do alcalde de A Pobra ante a situación da COVID no concello

Pola súa interese reproducimos a valoración que o alcalde pobrense Xosé Lois Piñeiro, fixo na súa rede social ante os casos da Covid no municipio:

Como sabedes o noso concello experimentou unha subida considerable nos últimos días no número de casos Covid-19, que nos levou a situarnos cunha incidencia superior a 250 casos por cada 100.000 habitantes, e pasamos a ser un concello considerado de risco extremo de contaxios polo coronavirus. Isto levou a que as autoridades sanitarias da Xunta de Galicia decretasen para A Pobra medidas de restricións de nivel medio-alto.

Logo duns meses de novembro e decembro máis ou menos tranquilos, cunha incidencia baixa, tan só 10 casos nos últimos 14 días o 18 e o 19 de decembro, e de só 11 casos o 23 de decembro, comezamos unha escalada precisamente a partir dese día, con 13 o 24, 16 o 25, 18 o 26, e así ata que o día 28 superamos o límite que nos fixo superar a incidencia acumulada de 250 casos por cada 100.000 habitantes. Con posterioridade acadamos un máximo o 2 de xaneiro de 36 casos, comezando unha lixeira baixada a 34 e 32 nos días 3 e 4, e hoxe 5 de xaneiro que nos mantemos en 32. Comezamos así o ano coa esperanza de que sexamos quen de controlar a situación e retomar os niveis máis baixos posibles en función da situación na que se atope a pandemia a nivel mundial.

Hoxe tiven coñecemento de que o cribado realizado na hostalería local dou como resultado 0 casos positivos, a falta de que se poida facer algunha proba máis e poida aparecer algún.

Por todo isto sinto a necesidade de facer a seguinte valoración: O incremento de casos que tivemos nos últimos 15 días non tivo relación especial coa falta de cumprimento das medidas de prevención por parte da hostalería local. Para empezar porque este suposto incumprimento tivo lugar de maneira moi puntual, porque a inmensa maioría do sector, por non dicir a súa totalidade, fai grandes esforzos por respectar as normas. Pode ser que de xeito puntual se produciran situacións nas que non se respectaran as distancias, non se usase a máscara, se superase a cabida máxima ou incluso alguén fumase incumprindo a normativa. Pero en xeral o cumprimento é grande, e insisto, o esforzo que realizan moito máis grande.

Por outra banda, a día de hoxe, non coñecemos casos vinculados á hostalería local, tendo en conta que a información da que dispoñemos nese senso é moi pouca. Os contaxios que se deron entre os e as profesionais non foron relacionados coa actividade hostaleira, foron focos familiares. Polo menos ata onde nós temos coñecemento.

O incremento de casos non foi consecuencia directa do día 24, que nos medios de comunicación e nas redes sociais se relaciona directamente a afluencia de xente que houbo ese día nos establecementos hostaleiros coa subida posterior. Cando se produce un evento de risco, os casos non aparecen ata catro ou cinco días despois, ou incluso máis tarde.

Finalmente, sobre as forzas de seguridade: é absolutamente imposible que sexan as responsables do cumprimento dunha normativa extensa, complexa, de difícil interpretación e que afecta a todas e a cada unha das nosas accións diarias, en todo momento é posible cometer unha infracción. Ademais, todas as súas tarefas diarias seguen tendo que realizalas, e polo tanto non se poden dedicar en exclusiva a controlar que a xente leve a máscara ou nas terrazas se cumpra a cabida máxima. E aínda que o fixeran, non serían quen de controlar a todas as persoas en todo momento, algo que é lóxico e evidente.

A loita contra a pandemia é unha loita colectiva e individual, todos e todas protexéndonos contra o Covid, respectando individualmente as normas e respondendo como sociedade. E non hai máis, non queda outra. Fagámolo.

Pola miña parte darlle ás grazas a todo o sector da hostalería polos esforzos tan importantes que fan para controlar a pandemia, así como outros moitos sectores, como o comercio, os servizos, e moitas empresas que procuran a protección dos seus traballadores e traballadoras.

A crítica está ben, non vou ser eu quen a limite nin a censure. Pero fagámola con respecto e dende o coñecemento o máis exacto posible da situación.