Na Pobra declaración institucional pola situación da hostalaría

15 Xaneiro 2021

A corporación municipal do Concello da Pobra do Caramiñal coñece a situación que están a vivi-las persoas que se dedican ó sector da hostalaría na nosa vila, que é un dos máis afectados como consecuencia da pandemia da Covid-19 e de tódalas medidas de restrición que esta motivou ata agora.

O sector da hostalaría é un piar fundamental na economía do noso municipio e dá sustento a moitas persoas e familias, tanto de xeito directo coma indirecto. A súa importancia radica non só no servizo que ofrecen ás nosas veciñas e veciños, senón que tamén supón un recurso turístico de primeira orde, pois a nosa gastronomía e as elaboracións da nosa restauración contan cun gran recoñecemento fóra das nosas fronteiras e incluso das galegas. Polo tanto tamén exerce un poder de atracción ó nivel turístico que acaba repercutindo noutros servizos que ven así incrementadas as súas posibilidades de negocio.

Por este motivo a corporación municipal, por unha decisión unánime das catro organizacións políticas con representación nela, manifesta o seu firme apoio ó sector da hostalaría e fai un chamamento á cidadanía e a outras institucións nos seguintes termos:

•    Á cidadanía para que apoie tamén esta xusta reivindicación e se sume ás reclamacións que o sector dirixe ás administracións públicas. Pero tamén para que comprenda a súa situación e se faga responsable e colabore de maneira activa, cumprindo con tódalas normas de protección fronte á Covid cando fai uso dos seus servizos, contribuíndo desta maneira a unha hostalaría segura.

•    Ás institucións para tomaren tódalas medidas necesarias para garanti-la supervivencia dun sector tan afectado e de tan grande importancia para Galicia. Á Xunta como Administración que conta coas competencias necesarias para que aprobe un plan de rescate que permita compensar tódolos esforzos que a hostalaría vén realizando dende o primeiro estado de alarma aprobado como consecuencia da pandemia pola Covid. Á Deputación provincial da Coruña para que estableza unha liña de axudas específica, propia ou en colaboración con outras administracións. Ó Goberno do Estado para que teña en conta o sector á hora de establece-las súas liñas prioritarias de actuación, considerando tódalas circunstancias que lle afectan.

A corporación municipal solicita tamén ó Goberno do Concello a adquisición dos seguintes compromisos:

•    Colaborar co sector en todos aqueles asuntos que permitan supera-la crise da mellor maneira posible.

•    Establecer unha liña de axudas específica para o sector, propia ou en colaboración con outras administracións, se é o caso.

•    Sensibiliza-la cidadanía cara a un uso responsable dos servizos hostaleiros.

O sacrificio que ó longo de todos estes meses realizaron as persoas que traballan e viven do sector da hostalaría non debería ser inútil. A nosa solidariedade non debe quedar nada máis ca en palabras, pero dende hoxe, dende aquí, pretendemos facerlle chega-los nosos ánimos e os nosos respectos polo seu enorme esforzo.

Outros artigos

Arde un colector na rúa Castelo, na Pobra

Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Ribeira foron alertados ás 01:48 horas desta madrugada dun incendio que afectou a un colector do lixo na rúa Castelo, no casco urbano do concello da Pobra do Caramiñal. O operativo, no que tamén participou a Garda Civil e...

+

Accidente de tráfico na rúa Doutor Lamas e Andrés, na Pobra

Os bombeiros do Parque Comarcal Provincial de Ribeira recibiron ás 20:30 horas da tarde deste mércores 24 de abril unha chamada alertando dun accidente de tráfico na rúa Doutor Lamas e Andrés, no municipio da Pobra do Caramiñal. O automóbil sinistrado perdeu o control...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...