As obras da fachada marítima do Son poderían estar rematadas en Semana Santa

Os traballos da reforma da fachada marítima da vila de Porto do Son, levados a cabo polas empresas Canarga e Abeconsa, collen este luns 11 de xaneiro un novo e importante impulso, trala pausa motivada pola festividade do Nadal. Segundo fontes do Concello, neste intre xa se atopan habilitadas as canalizacións e o seguinte paso é aplicar o formigón que dea forma definitiva ao trazado do rueiro. O obxectivo é rematar en Semana Santa co fin de permitir que o sector hostaleiro, un dos máis afectados a nivel local e galego pola crise da COVID, teña máis marxe de tempo para remontar o voo.

As obras, como lembraremos, teñen un orzamento de 4,8 millóns de euros. As tarefas, moi envorcadas en achegar unha contorna humanizada e accesíbel que dea prioridade aos viandantes e ás zonas de lecer (así como ás conexións entre o centro de vila e a beira do mar), deron comezo coa construción que dará acubillo ás novas sedes do Club de Xubilados e o Club Náutico.