Tras unha década de obras a Catedral de Santiago recupera o seu esplendor para o Ano Santo


O templo volverá abrir as súas portas o fieies nos vinndeiros días previa as cerimonias da Traslación o día 30 e da apertura da Porta Santa o día 31.

Altar Maior da SAMI Catedral de Santiago. 2020

A Catedral de Santiago acolleu este venres o acto institucional de presentación das obras de restauración, uns traballos que se prolongaron durante case unha década e que permiten que o templo luza con todo o seu esplendor de fronte ao próximo Ano Santo.

Os traballos desenvolvidos co apoio de diversas institucións –como os gobernos da Xunta, o Estado, a Fundación Barrié e Iberdrola– permitiron restaurar espazos exteriores e interiores. Así, entre outras cuestións, mellorouse a iluminación e recuperáronse múltiples pinturas que devolven a cor a diversas zonas, como a cúpula ou o altar maior. Previamente, actuouse en espazos como o Pórtico de Gloria.

A SAMI Catedral de Santiago volverá abrir as súas portas o próximo día 30 de decembro con motivo da translación dos restos do Apóstolo. Ao día seguinte, o 31 de decembro, procederase á apertura Porta Santa, acto que dá inicio ás celebracións do Xacobeo.

Visita ás obras da SAMI Catedral de Santiago 2020

Ao evento institucional celebrado este venres acudiron as principais autoridades de Galicia, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o titular do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Ademais, participou o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo.

Na súa intervención, Feijóo destacou que Galicia iniciará a década xacobea coa catedral restaurada tras o que definiu como “unha das maiores actuacións realizadas nun patrimonio mundial nos últimos anos”.

Estructura da que colga a maroma do botafumeiro no cruceiro da SAMI Catedral de Santiago

Neste sentido, aseverou que este proxecto, que comezou en 2009 como a aprobación do Plan director do conxunto catedralicio, iniciouse como un reto de país e converteuse nun “éxito colectivo”, tanto a nivel técnico como de xestión. “Un éxito técnico grazas ao labor de todos os profesionais que participaron nel; e un éxito de xestión grazas ao impulso conxunto do Arcebispado, o Cabildo, a Fundación Catedral, e as administracións que unimos forzas”, manifestou.

Feijóo resaltou que, tras as distintas fases, recuperouse o “esplendor” das fachadas e acometeuse o complexo reto das cubertas. “E no interior é evidente o resultado dos traballos realizados, que recuperaron a luz e as cores que o tempo escurecera”, afirmou.

Tras recoñecer que a pandemia condicionará tamén o Ano Santo que comezará nuns días, o titular da Xunta asegurou que o Xacobeo 2021 será distinto a como se imaxinou pero continuará sendo “especial”. “España, Europa e o mundo están convocados a participar, cos requisitos obrigados polas circunstancias do momento, no Xacobeo 2021”, remarcou.

Visita o altar maior da SAMI catedralicia de Santiago

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou que o Goberno de España é o “primeiro peregrino” do Ano Santo e trasladou que o investimento estatal nos últimos anos suma 90 millóns de euros en actuacións no Camiño e as infraestruturas asociadas ao me

“Para que o roteiro sexa a resposta espiritual, cultural e persoal que anhelan aqueles que chegan ata Santiago”, manifestou Losada, que celebrou o fin dunhas obras que, na súa opinión, transcenden aos gobernos e “exemplifican a colaboración entre as administracións. Ademais, puxo en valor a próxima restauración do Mosteiro de San Martiño Pinario, que financiará o Ministerio de Transportes.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou o gran traballo de restauración realizado. “É a primeira vez”, dixo, “que se aborda unha rehabilitación integral de todos os estilos arquitectónicos que coexisten, que conviven, dentro do templo”.

O rexedor indicou que os traballos realizados na catedral “son enromes”. “Desde o seu inicio, houbo múltiples obras de intervención, pero case todas eran de substitución dun estilo por outro, duns materiais por outros ou de ampliacións”. Con todo, sinalou que os labores de restauración dan a oportunidade de gozar dunha visión do templo que “ningunha xeración anterior tivo oportunidade de ver, nin sequera, o arcebispo Monroy.

Porta Santa desde a xirola da Catedral. Abrirase o día 31 pola tarde

No acto que abriu o deán Segundo Pérez, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, considerou que hoxe se pode observar á catedral “rexuvenecida” tras un proceso que “aínda non concluíu” e que, na súa opinión, “debería continuar con outros programas ben planificados para coidar a súa estrutura arquitectónica e os seus aspectos artísticos” co obxectivo de entregala “nas mellores condicións a quen veña detrás”.

Ademais, mostrou o seu agradecemento ao Goberno de España, á Xunta, á Fundación Barrié e a Iberdrola polo apoio. “O meu cordial e afectuosa felicitación”, manifestou referíndose a todo o persoal que participou nos labores e antes de mostrarse “orgulloso” dun templo que estará “a esperar” aos peregrinos no próximo Ano Santo.