Os Premios Youtubeir@s entregan os galardóns da edición máis online e máis concorrida do certame

09 Decembro 2020

Os cuartos Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. Neste 2020, no que se rexistrou a máxima participación ao pasar de 240 vídeos inscritos en 2019 a un total de 536, a gala de entrega está a ser substituída (por mor da situación sanitaria) pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas polas poetas galegas Lucía Aldao e María Lado a través do sitio de Youtubeiras no Youtube. Este ano houbo un total de doce galardóns.

O xurado estivo constituído por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero. Unha vez máis, o certame veu da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

A continuación damos conta das propostas finalmente galardoadas:

1. O Premio á Mellor Canle é para a canle Pradorua. O xurado decidiuno así pola súa oferta de “contidos variados, orixinais e de calidade” que proporciona “a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual”.

2. O Premio Youtubeir@ é para Olaxonmario, de quen o xurado destaca o labor que desenvolve en galego no Youtube, sendo de “grande impacto” ao “non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal”.

3. O Premio ao Mellor Vídeo é para O cabalo de Alberte Merlo, que para o xurado significa unha “mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia” chea de “enxeño e retranca”.

4. O Premio á Calidade Lingüística recoñece o vídeo As patacas do Paraíso, de Cativos na Cociña. O xurado ve nesta proposta “un uso coidado da lingua” e “unha riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, un rexistro coloquial dentro dunha variante dialectal”, o cal lle dá un “plus de calidade, de frescura e de proximidade” á produción.

5. O Premio Impacto é para o vídeo Xogando con Ana Pontón aos Sims, do youtubeiro Aquel-e en colaboración con Olaxonmario, no cal entrevistan a candidada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa “unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais”.

6. O Premio á Calidade Técnica é para Os vinte de XX. Capítulo II. As Irmandades da Fala, vídeo de Antón Varela. O xurado destacou desta proposta que se trata “dunha mostra representativa da serie Os vinte dos XX, que ofrece unha panorámica galega polos anos vinte do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición e ao traballo gráfico”.

7. O Premio Comunicación recaeu en Un rapá transquilo, canle de Éric Dopazo. O xurado destaca a “absoluta solvencia, naturalidade, desdramatización e mesmo tirando do humor” ao relatar en primeira persoa unha realidade tan complexa como é o proceso de tránsito de xénero.

8. O Premio Creatividade pon en valor a canle O Son das Ideas, de Darío Lago. O xurado subliña a capacidade de trasladar a explicación de complexas leis físicas ao ámbito do cotián e aplaude “o emprego de recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno”. Ademais, por se quedasen prexuízos, esta canle “promove o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica”.

9. O Premio ao mellor vídeo musical é para Lume, de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que, a ollos do xurado, “actualiza a música galega a ritmo de trap”.

10. O Premio Didáctico recoñece o traballo de Naturiza, canle de Diego Ferraz que, para o xurado, “achega dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado co medio natural”.

11. O Premio Pioneiro recoñece a canle Cousas rarismASMR, de Helena Antía López. Para o xurado, a canle leva “o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo con gran calidade e xeito”.

12. Por último, o Premio do Público, votado virtualmente polo público de Youtube, recaeu en Apps para docentes, de Titoriais para profesorado de Galicia, de Pablo Rodríguez Vila.

Os tres primeiros premios (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os demais galardóns ascenden a 500 euros. En total, os IV Premios Youtubeir@s repartiron 7.500 euros.

Os datos dos IV Premios Youtubeir@s

Segundo informaron as entidades organizadoras, neste 2020 os Premios Youtubei@s experimentaron un importante medre no número de inscricións: un total de 536 vídeos fronte aos 240 vídeos que se rexistraran na edición de 2019. Estes vídeos son obra de 113 creadores/as, dos cales o 45% son persoas nadas na década de 1990, mentres que un 18% corresponden xa aos nacidos entre o ano 2000 e 2006 (a idade de participación mínima era de 14 anos). En canto á orixe dos/as participantes, a organización salienta que a maioría proceden de núcleos de menos de 10.000 habitantes, seguidos por concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes.

Dende a organización dos Premios Youtubeir@s a súa coordinadora Mónica Fernández Valencia destaca “o gran incremento de participantes rexistrado neste anómalo 2020”, no que tamén aumentou “a variedade temática de contidos” e acabou por se notar “tamén un refinamento na calidade técnica xeral”.

Fernández Valencia subliña que “nestes anos os Premios Youtubeir@s serviron como punto de encontro e de estruturación para a incipiente comunidade creadora na nosa lingua en Youtube, que cada vez está máis diversificada e con maior conexión con outras plataformas creativas e dixitais”. E engadiu: “Os obxectivos que nos marcamos con lemas como crear comunidade ou expandir a Rede estanse a conseguir grazas ao labor e á evolución dos/as creadores/as que, ano tras ano, participan neste certame”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...