“Faena na casa. Come fóra”. Antón Luaces

A pesca, para que sexa rendible á ser traballosamente coidada, non esquilmada. E Galicia depende tanto da pesca que calquera diminución nas cotas das distintas pesqueiras significa un pau tremendo na caluga social e económica dun país que sempre sementou e ao que a Comisión Europea recurta todas as posibilidades de colleitas de proveito. Culpa de quen?. Supostamente do escaso peso que España,  como Estado Membro da Unión Europea, ten neste club supranacional do que a Unión Británica fuxe por máis que se intente facer que aínda quedan posibilidades de negociación para que ningunha das partes perda en demasía sexa ou non “abrupta” a máis que evidente saída. Quen depreda, quen esquilma, é a Comisión Europea, que nunca entendeu ó sector galego da pesca e as particularidades deste respecto doutras autonomías ou Estados. Galicia, unha outra vez, perde. Pero tamén perde o resto da España pesqueira, por máis que o ministro do ramo, Luis Planas, berre na rosa dos ventos que España negociou ben ese reparto de cotas. Come fóra e faena na casa.

Nin foi unha boa negociación, nin Galicia valorou axeitadamente o seu resultado. Porque aquí, na España de sempre, o valor do acadado ven da man do partido político, non do resultado verdadeiro. O que para o Goberno de coaligación español é un resultado aceptable, para o Xunta de Galicia -que goberna con ampla maioría para o PP- é un resultado cativo. É ben expresivo o sentimento da conselleira do Mar, Rosa Quintana, cando expresa que “vai haber que pensar en fixar unha cota mínima de pescadores para garantir a súa sostibilidade”. A da pesca ou a dos propios traballadores do mar, conselleira?. Cobra vostede por solucionar así un tan serio problema?. Se pensa deste xeito, verdadeiramente non resulta estrano que o BNG pida o seu cesamento pola súa proposta de eliminar mariñeiros para solucionar o recurtamento de cotas pesqueiras da Comisión Europea.Fracaso?. Satisfactorio?. Desastroso?… Todo vale, segundo de quen veña o calificativo aplicado ó acordo da CE no reparto de cotas pesqueiras para o ano 2021, que recurta aínda máis as posibilidades de pesca da máis importante frota española e unha das máis importantes da Europa comunitaria.Se o recurtamento xa parecera de máis nos anos anteriores, o agora acordado en Bruxelas amosa o escaso valor que teñen para a CE as formulacións de España. Ao mesmo tempo, as de Galicia perante o Goberno central. As melloras que reclama a eito o sector pesqueiro galego non acadan unha resposta asisada nin por recomendación. Escaso, por non dicir nidiamente malo, o peso de España nas institucións comunitarias. E por riba desas consecuencias negativas que o ministro semella non ver, velaí as que se poidan derivar dun Brexit que non se sabe nin a onde nos leva en materia de pesca e grazas a sinrazón duns e doutros. O futuro da frota pesqueira galega está, máis ca nunca, en entredito, en moi serio risco de quedar nun amarre obrigado e xeralizado para maior groria de quen propón cotas mínimas de pescadores para garantir, talvez, a estabilidade dos que queden a bordo. Outro “apaño” como o de Alcoa cos traballadores das súas factorías galegas. Porque canto van poder faenar en 2021 os arrastreiros galegos que andan ao rape?. Canto os que capturan linguado?. Van poder, acaso, soportar os gastos que conleva o simple feito de ter un barco amarrado no porto?.E sen embargo os mariñeiros afirman que o mar está petado de peixe que morre de vello e non nas redes ou palangres.Trinta e catro anos van dende aquel 1986 no que españois e portugueses nos convertimos en cidadáns da Unión Europea, daquela CEE. E non facemos máis que ciar. Sempre marcha atrás. De cú e sen freos.