
O Concello da Pobra, xunto coa asociación Arrancadeira, fixeron oficial o concurso de relato curto e debuxo A nosa pegada no Nadal. O certame dividirase en diversas categorías segundo a idade: o relato curto contará cunha categoría de 7 a 9 anos, de 10 a 12, de 13 a 15 e a partir de 16; por outro lado para o debuxo serán de 3 a 6 anos, de 7 a 10, de 11 a 15 e a partir de 16.
O concurso estipula que os relatos deberán estar escritos en galego e ter como temática o Nadal, cunha extensión máxima de 1.500 palabras e será entregado en formato PDF por enderezo electrónico. Doutra banda os debuxos tamén terán o fío condutor destas datas, pero contando coa liberdade que o autor ou autora desexe, e será preciso remitilo por correo electrónico tras escanealo ou sacarlle unha foto na que se aprecie a ilustración con claridade.
Así, os premios serán un conxunto de vales de 30 euros cada un para gastar en diferentes establecementos da vila, cun total de oito distincións, unha por categoría. Os relatos estarán valorados integramente por un xurado, mentres que os debuxos tamén contarán co 50 % do gústame no perfil de Facebook de Arrancadeira Pobra. Será o día de xaneiro de 2021 cando se anuncien os galardoados e galardoadas.
Deste xeito, todas as persoas interesadas en participar dispoñen ata o día 3 de xaneiro de 2021 para se anotaren, mediante o teléfono de contacto 636811689 ou o enderezo electrónico arrancadeirapobra@hotmail.com indicando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, documento de identificación, modalidade/s na/s cal/es se concursa, número de teléfono e o correo electrónico.