Confirmado: Rianxo recibirá aos Reis Magos este 5 de xaneiro

Os Reis Magos de Oriente chegarán a Rianxo o vindeiro 5 de xaneiro. Semanas atrás, a visita aínda non estaba confirmada por mor da COVID–19, pero, “a pesar de que as cousas están moi complicadas, os Reis Magos estarán en Rianxo coma todos os anos”, confirmou finalmente o Concello, reflectindo información directa das Súas Maxestades.

Unha carta oficial de Melchor e Baltasar comenta que os Reis están ansiosos por volver e que veñen cargados de agasallos, tanto para pequenos como maiores. Ademais, as Súas Maxestades comunican que “é necesario celebrar a chegada do Nadal e do Ano Novo, se cadra con máis ilusión e optimismo ca nunca”. Doutra banda, sinalan que “esta celebración non vai poder ser tan efusiva nin tan multitudinaria como en anos anteriores, mais van a estar presentes e teñen por seguro que todo o mundo vai a desfrutar da súa visita”.

Este ano non se poderá realizar a cabalgata. Sen embargo, farase un percorrido por todo o Concello para que os Reis poidan saudar ós veciños dende as fiestras e os balcóns das súas casas. As Maxestades recordan o imprescindíbel que “é levar a máscara e manter as distancias de seguridade e sociais”. Tamén o necesario que “é axudar na casa e estar coa familia nestas épocas tan difíciles para todas e todos”.

O itinerario

Hora de inicio: 16:30 h – Isorna (Seixiñal) // Hora estimada remate: 19:30 h – Rianxo

Percorrido programado a través dos viais / estradas principais:
Isorna – Leiro – A Fincheira – Urb. A Martela – Arcos Moldes – Estrada de Rianxiño – O Pazo – Asados – Burés – O Araño – Taragoña (volta en Pte. Beluso) – Taragoña – Fachán – O Pazo – Rinlo – Rosalía de Castro – Arcos Moldes – Estrada de Tanxil – Paseo da Ribeira – Praza Castelao – Paseo da Ribeira – Auditorio (recepción polas autoridades. Sen público).

Poderase seguir a cabalgata e posterior recepción (sen público) en streaming a través da canle de Youtube do Concello de Rianxo.

Recoméndase seguir aos Reis desde as propias casas ou achegarse a un lugar seguro, onde se poidan cumprir as medidas preventivas e de seguridade.