“Atlántico e Mediterráneo, escenarios para que España defenda a súa pesca”. Antón Luaces

Os conselleiros das comunidades autónomas acordaron no Consello Consultivo da Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios -que presidiu o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación Luis Planas- os asuntos a tratar no inmediato Consello de Ministros da Unión Europea.

Asunto primordial nesta xuntanza foi a negociación sobre os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas de pesca  no Atlántico e Mar do Norte para o ano 2021, así como a afectación para recursos pesqueiros concretos de especies profundas para os próximos dous anos.Para España resulta básica a sustentabilidade medioambiental da pesa, sen esquecer a rendibilidade económica e social da frota como obxectivo, cuestión que se vai debater no sinalado Consello. Ten claro España que o modelo de avaliación empregado perdeu validez na taxación dos recursos pesqueiros de pescada sur en relación ó Rendemento Máximo Sostible (RMS), polo que se fai necesario traballar na mellora desta avaliación. Dende 2020, todos os stocks deben explotarse de acordo co criterio do RMS,  se ben España xa o acadou mesmo un ano antes desa data. No caso de especies como o linguado, badeixo ou cigala, para España non se dan as circunstancias que xustifiquen as reducións nas súas posibilidades de captura, e quere que se manteñan as cotas actuais. A propia Comisión admite a mellora dos recursos e a cadencia decrecente da presión sobre as pescas do Atlántico e Mar do Norte.O mantemento do mecanismo de flexibilidade é un dos obxectivos do ministro español, por canto permite computar  capturas accesorias ata un determinado límite contra as cotas doutras especies. Propón asimesmo España que o mecanismo de intercambio de cotas  se inclúa na proposta final de regulamento , porque permite proporcionar cota para capturas accesorias ós Estados membros aos que non lles corresponden. Quedan por coñecer as propostas de capturas para o ollomol, especie para a que a proposta é de TAC cero. Por este motivo España formula a mellora desta pesqueira polo seu alto valor para a frota nacional, especialmente a de palangre de fondo, con aplicación de límites de capturas moi estrictos e peches temporais en determinadas zonas nas que se está acadando a regulación da especie.Valora o ministro español Luis Planas a inclusión no Fondo Europeo Marítimo, Pesqueiro e Acuícola (FEMPA) 2021-2027 das axudas para a mellora da eficiencia enerxética, a seguridade e as condicións laborais a bordo, unha das máis importantes demandas de España, porque afecta á hixiene e saúde dos traballadores nos pesqueiros e de remuda xeracional neste sector, amáis de beneficios medioambientais.Pretende tamén dar pulo aos Grupos de Acción Local Pesqueiros como ferramenta fundamental de aplicación da economía azul e o recoñecemento das Organizacións de Produtores como a principal entidade asociativa do sector produtor.O FEMPA disporá dun orzamento de 6.108 millóns de euros para o período antes citado. Desta cantidade, 1.120 millóns serán de asignación a España, na súa condición de maior Estado membro.