“Ata onde aguantará o sector pesqueiro galego?. Antón Luaces

A falta de coñecermos o resultado do que todo semella ir cara un desencontro máis entre o Reino Unido e a Unión Europea a respecto do Brexit e as consecuencias que este pode ter para a Comunidade Autónoma de Galicia, é evidente que de aplicarse no ano 2021 as reducións que formula a Comisión Europea para o caladoiro nacional Cantábrico  Noroeste, tal decisión significaría, de entrada, unha perda económica no sector pesqueiro  galego non inferior ós 30 millóns de euros. Pode resistilo Galicia?.
Unha labazada após outra é o que se lle ven enriba a esta terra que tanto depende do mar. E se, desde antes do ano 1986 -cando España netrou na CEE- as reducións de TAC e cotas son constantes, non menos son as consecuencias do constante amarre da frota pesqueira, a exportación de barcos e o despezamento de moitos outros, accións que só se poden xustificar na falta de recursos e non porque estes non existan, senon polas restrictivas medidas que ano tras ano, no mes de decembro, ven aplicando sistemáticamente ó caladoiro nacional Cantábrico Noroeste a Comisión Europea e, con ela, o Consello de Ministros de Pesca da Unión.Hai como unha fixación para acabar co que foi un emporio pesqueiro na historia deste sector en Europa nos últimos 50 anos: Galicia non pode comandar de feito este sector, por máis que os organismos internacionais permitan que sexan españois os que os dirixan, en boa medida da man de armadores galegos. Por máis que Galicia sitúe ao fronte de organismos comunitarios a cidadáns nados nesta nosa terra, unha vez que se integran na rede que barallan os grupos de poder, pasan a ser papel mollado: Galicia non ten peso na Unión Europea dende que Carmen Fraga Estévez, filla de Manuel Fraga Iribarne, se afastou -ou a afastaron- das administracións pesqueiras comunitarias e españolas. E non será porque no pasaran por esas instancias europeas galegos relacionados coa pesca. Mesmo voces galegas defenderon en Bruxelas o sector pesqueiro español. Mais Europa, a Unión Europea, fai caso omiso do que Galicia formula, do que galegos reclaman, do que o sector pesqueiro deste rincón noroeste da península Ibérica pretende compartir cos demáis Estados membros. Talvez estea aquí a primeira eiva: Galicia non é un Estado, por máis que chegue a falar no nome do Estado español como fixeron a en varias ocasións os representantes da administración pesqueira da Xunta diante dos seus homónimos españois. Non ser Estado, non ter homologada esa condición nen siquera cando fala no nome do sector pesqueiro do Estado español, fai que Galicia desmereza diante dos demáis integrantes dos agora 27 Estados membros. E estes fan de nós unha zarapallada na que de misturan os dereitos de uns e os deberes de outros. Ás veces nen sequera existe o consenso necesario para defender cunha voz única os dereitos do conxunto das comunidades autónomas pesqueiras desa España que se dí representar.Non hai, non, unión. Tampouco entre as distintas artes. E menos entre os intereses que defenden unhas e outras organizacións de armadores: o cerco vai polo mar baixo, o arrastre aguanta como pode, a pesca de altura agarda solucións a un problema que formula o Reino Unido, e a gran altura está sobmetida ós intereses que poñen riba da mesa cada ano organizacións como ICCAT. E mentras tanto, a pesca ilegal dirixe a China e Corea e ós mares latinoamericanos as culpas da sobrepesca.Vale a pena tanta parafernalia se, polo que se observa, o fin do sector pesqueiro de Galicia nen siquera está en mans galegas?. Repito a pregunta: pode a guantar Galicia esta situación?.Para min que non. Pero debo estar errado. Escúsenme.