Un residente de Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, será a primeira persoa que recibirá a vacina contra a covid-19 en Galicia. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) arrincará este domingo a campaña cunhas 500 doses que chegan desde Guadalaxara ao longo da noite escoltadas pola garda civil e a policia nacional.
Está previsto que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, fagan unha valoración ao mediodía sobre o arranque da campaña nos exteriores da residencia, concretamente na Praza 8 de Marzo.
O Sergas xa practicou este sábado un simulacro na mesma residencia de maiores de fronte á repartición e a administración das vacinas deste domingo. Esta simulación comezou cunha falsa recepción das doses no almacén para despois trasladalas ao centro Porta do Camiño.
A segunda remesa, cun total de 18.000 vacinas, chegará o luns e está previsto que se administren desde o martes en residencias das sete áreas sanitarias galegas de maneira simultánea. Para a súa chegada e distribución por toda a Comunidade, establecerase outro dispositivo entre a Garda Civil, a Policía Nacional e a Autonómica.
O plan galego vacinará primeiro aos usuarios e traballadores de residencias sociosanitarias, a grandes dependentes e a sanitarios que traballen en primeira liña contra a enfermidade. Nunha segunda fase, estenderase ao resto de profesionais sanitarios e sociosanitarios e a cidadáns con factores de risco. En terceiro lugar estará o resto da poboación, con excepción de mulleres embarazadas e menores de 16 anos, para os que aínda non hai evidencia suficiente sobre a súa seguridade.
A Xunta confía, en función da cadencia coa que vaian chegando as doses, que a poboación residencial poida recibir a primeira dose de vacina ao redor de finais de xaneiro ou principios de febreiro, para empezar entón co seguinte grupo. Con todo, dependerá da cifra de vacinas que se teñan, así como da chegada de dose doutros laboratorios que se atopan en fase de autorización.