A Xunta destina 97 millóns de euros ás axudas do Plan de rescate dos sectores máis afectados pola COVID-19

11 Decembro 2020

A Xunta de Galicia abriu a convocatoria das liñas de axuda para microempresas e autónomos con persoal a cargo; e establecementos hostaleiros dentro do Plan de rescate do Goberno autonómico para apoiar aos sectores máis afectados pola COVID-19 e que conta cunha dotación total de 97 millóns de euros.

As axudas pódense solicitar até o vindeiro 28 de decembro. As microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, así como os colectivos e pemes de sectores especialmente paralizados (lecer nocturno, atraccións de feira e determinadas actividades como transporte, axencias de viaxe, cinemas, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.) teñen ao seu alcance contías que irán dos 4.000 aos 5.000 euros, segundo o caso.

Centro Superior de Hostelería de Galicia

Sector hostaleiro

En canto ao sector hostaleiro, as axudas específicas para os establecementos pechados dende a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro beneficiarán a persoas traballadoras autónomas (con ou sen persoal contratado), microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de quince días nos dous últimos meses. Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectados polos peches perimetrais.

No caso dos hostaleiros, as axudas concederanse por establecemento e serán de 1.500 euros por mes de paralización da actividade desde o mes de outubro. Se os candidatos son empresarios con 10 ou máis traballadores percibirán a cantidade de 2.000 euros por mes de peche, ou ben a parte proporcional en ambos os casos se a actividade permaneceu parada por un período menor, nunca inferior ao quince días.

Estas axudas súmanse ás dirixidas a dotar de maior liquidez ás persoas traballadoras autónomas con ou sen persoal ao seu cargo.

Con Plan de rescate, a Xunta pretende “contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e de 10.000 microempresas”, así como “apoiar a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias nos concellos que, no peor dos casos, mantense inactivos desde o pasado mes de outubro”.

Por outra banda, abríronse as liñas de axuda para melloras de terrazas e servizo a domicilio, de 1.200 a 20.000 euros e de créditos de entre 3.000 e 500.000 euros en préstamos directos.

Praciña do Franco en Santiago

O factor da complementariedade

O Goberno galego puxo o foco nunha das grandes características deste plan e dos recursos que pon en xogo: a sua complementariedade e a posibilidade de seren acumulábeis entre si. Deste xeito, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán oscilar entre os 6.700 euros até os 9.200 euros, cifras que, en palabras da Xunta, sitúan a Galicia “á cabeza das Comunidades Autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector”.

O plan de rescate deseñouse en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais. No caso dos hostaleiros, este acordo referendouse nun documento conxunto asinado por representantes da Xunta e a Mesa de negociación da hostalaría de Galicia -na que están representadas as asociacións provinciais- e o Clúster de Turismo.

A Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsábel dos candidatos. “Ao tratarse dun sistema áxil”, explican dende a Administración autonómica, “estímase que as primeiras contías poderán chegar aos seus destinatarios nas vindeiras semanas de decembro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Intervención e regulación” – José Manuel Pena

“Intervención e regulación” – José Manuel Pena

Hai que ser realista e non queda outra, ben a intervención e a regulación para poder garantir o dereito real a unha vivenda digna. As axudas do ICO ou o bono ao alugueiro non solucionan o problema da vivenda en España. Hai que intervir, como se fixo, no seu momento,...

“Muerte gestacional, perinatal y neonatal”. Inma Medina López

“Muerte gestacional, perinatal y neonatal”. Inma Medina López

Hoy 15 de octubre, se celebra el Día Mundial de Concienciación sobre la Muerte Gestacional, Perinatal y Neonatal. El concepto de muerte gestacional abarca todas laspérdidas de hijos/as producidas durante el embarazo, y el concepto perinatal y neonatalaquellas...