24.000 euros a 11 películas para a súa promoción no exterior. Entre elas a Illa das mentiras

A Xunta colabora economicamente na proxección exterior do cinema galego a través dunha liña específica de axudas para a súa difusión en festivais do circuíto internacional, da que este ano resultaron beneficiarias nove produtoras por un importe global de 24.000 euros. Esta contía destínase ás diferentes accións promocionais que levaron a cabo con motivo da selección en destacados certames audiovisuais de 11 das súas longas e curtametraxes, que na meirande parte dos casos contaron tamén cunha subvención autonómica para a súa produción.

Coa resolución desta convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, deuse resposta á totalidade de solicitudes que cumprían os requisitos, de xeito que −pese aos adiamentos e suspensións de certames a causa da pandemia− se apoiou a presenza do noso audiovisual en Alemaña, Holanda, Italia, México e festivais internacionais con sede en España, como os de San Sebastián, Málaga, Sevilla e Xixón. Entre as seleccionadas está “A illa das mentiras” de Agallas Films dirixida por Paula Cons o artumento da cal se desenvolve en Sálvora durante o naufraxio do vapor-correo Santa Isabel.