Até 620 persoas participaron na andaina solidaria de CONGALSA, que recadou 9.000 euros

06 Novembro 2020

CONGALSA vén de facer balance dos froitos acadados pola edición 2020 da súa andaina solidaria que, como tantas outras cousas este ano, veu marcada pola COVID e pola necesidade de garantir a seguridade sanitaria, polo que se celebrou en formato virtual. Segundo fixo saber a empresa con sede na Pobra do Caramiñal, a experiencia saldouse con “gran éxito de participación”.

Isabel Cañas, directora de RREE da compañía, fixo saber que na andaina inscribíronse finalmente 620 persoas e que, grazas a esta importante presenza de camiñantes-voluntarios, recadouse a cifra solidaria de 2.026 euros. A esta contía engádese unha doazón extra acordada pola dirección de CONGALSA, que triplica os fondos recadados, polo que estamos a falar dun total de 9.000 euros para destinar a diferentes ONG locais ao abeiro desta orixinal iniciativa humanitario-deportiva.

A empresa de produtos conxelados do mar engadiu que “a diferenza do que ten acontecido en anteriores edicións, desta volta a andaina estivo aberta non só aos traballadores da empresa, senón tamén aos seus familiares, amigos, a representantes de entidades colaboradoras e a todo aquel que quixese colaborar, con independencia da súa localización xeográfica”.

De feito, inscribíronse na camiñada virtual persoas situadas en diferentes puntos de España, Portugal e, mesmo de Estados Unidos ou China.

Representantes do mundo institucional, como a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron tamén na iniciativa. Amais, envorcáronse nela persoas procedentes da política local, do ámbito empresarial ou do tecido social e deportivo da comarca do Barbanza, así como escolares do CEP Pilar Maestu Sierra da Pobra do Caramiñal.

A andaina tamén contou coa presenza activa de numerosos traballadores da empresa con sede na Tomada e tamén da firma Sulpasteis, a empresa portuguesa que CONGALSA adquiriu no principio do ano.

“Ante o éxito da iniciativa”, explica a empresa da Pobra, “decidimos ampliar a súa duración 15 días máis dos inicialmente previstos e así estendeuse durante todo o mes de outubro”.

Os participantes puideron realizar calquera distancia na localidade que desexasen, porque o percorrido era libre.

Unha axuda para as ONG

A cantidade recadada repartirase, a partes iguais, entre Cáritas da Pobra do Caramiñal e Cáritas de Ribeira. Así, cada unha destas entidades recibirá 4.500 euros para fortalecer o seu papel de axuda con colectivos vulnerábeis, en especial nestes tempos marcados pola incidencia da COVID-19.

Outros artigos

A II Bandeira de Bateis Mecalsa dispútase na Pobra no 18 de xaneiro

Os bateis vogarán as augas da dársena do peirao comercial da Pobra na II Bandeira de Bateis Mecalsa que organiza o Club Remo Puebla coa colaboración da Concellaría dos Deportes. A regata terá lugar no 18 de xaneiro, a partir das 10.30 horas, e poderán participar...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión