Os 144 números da revista Nós convértense en libro electrónico

30 Outubro 2020

Este venres 30 presentouse unha iniciativa acurtar a distancia, botando man das novas tecnoloxías, entre o importante legado cultural, artístico, ideolóxico, lingüístico e político da Xeración Nós e a cidadanía (poñendo especial énfase nas novas xeracións). Máis polo miúdo, trátase dun proxecto que converteu en libro electrónico os 144 números da revista Nós, no marco do centenario da publicación.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, presentaron este venres o resultado da dita dixitalización, que supón, sinalaron, “un paso adiante na difusión nacional e internacional da publicación ao converter en formato libro electrónico a totalidade dos exemplares”. Tamén informaron da vindeira posta en marcha dunha web, revistanos.gal, que recollerá “todo o universo Nós”, impulsada en orixe polo ourensán Vicente Risco, coas importantes achegas estéticas e artísticas do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Chegou a contar cos seguintes colaboradores, amais dos devanditos Risco e Castelao: Fermín Bouza-Brey, Ánxel Fole, Manuel Lesteiro, Luís Manteiga, Ramón Otero Pedrayo, Luís Pimentel, Emilio Pita, Lois Tobío Fernández, Alfonso Vázquez Martínez, Teixeira de Pascoaes (portugués) e Phileas Lebesgue (francés).

O secretario xeral de Cultura salientou a relevancia desta iniciativa que supón que Galicia “recupere o legado da Xeración Nós en clave do século XXI” xa que, como engadiu, “un século despois do seu nacemento, a revista Nós recupera os seus materias en formato electrónico para un mellor acceso, acorde coas novas canles de acceso da información”. Segundo dixo, a novidade do proxecto vén dada “pola conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que xa están preparados e son accesíbeis desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle”. Trátase, explicou, “dunha extensión de ficheiro electrónico que permite unha compatibilidade coa meirande parte de dispositivos electrónicos, incluíndo redes móbiles”.

Pola súa banda Mar Pereira sinalou que “o obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición do público en xeral uns contidos de alto valor cultural, aplicando técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, que permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ao seus autores modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época”. Tamén fixo saber que “a dixitalización destes contidos é un paso máis na construción da Memoria Dixital de Galicia”.

Páxina web

Ademais da conversión en libro electrónico, tamén se adiantaron detalles da nova páxina web revistanos.gal, que recollerá todo o universo da dita publicación permitindo explorar directamente no corpo dos textos da revista, por medio das relacións que se establecen entre os colaboradores na historia da publicación. Así, explicaron, a través dun grafo do coñecemento, inclúense os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista durante os seus quince anos de vida. “Este grafo facilitará a busca de documentos específicos para usuarios non expertos”, informraon Lorenzo e Pereira, engadindo que “amais de todo o devandito”, a Biblioteca de Galicia (a través de Galiciana) permite a consulta de todos os números que se publicaron da revista, incluído o último, do que só existen dous exemplares físicos, un deles depositado na Biblioteca da Deputación de Ourense e outro en mans dun particular. De feito, a biblioteca dixital dá acceso ás algo máis de 3.900 páxinas da revista o que reforza a conservación e divulgación deste patrimonio editorial representado por intelectuais da nosa historia recente como Vicente Risco, Castelao ou Otero Pedrayo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cariño: un pequeno gran punto negro contaminante”

“Cariño: un pequeno gran punto negro contaminante”

Non se sabe con exactitude o grao de contaminación que pode provocar en Galicia unha empresa que, como Altri (en Palas de Rei, Lugo), vai utilizar o eucalipto como materia prima a partir da que extraer fibras téxtiles; máis é evidente que existe medo ao que a...

“Tiempos verbales”. Alberto Barciela

“Tiempos verbales”. Alberto Barciela

No sé en que justo momento, si es que lo hubo alguna vez, perdimos el rumbo político y el social. No identifico en qué instante se distrajeron las referencias de los valores esenciales para la convivencia, para el entendimiento, para la discusión constructiva y la...