
A Asociación Cultural Alberto Romero convocou a quinta edición do certame de curtametraxes que leva o nome do escritor, divulgador, comunicador e dinamizador cultural palmeirán. Segundo fixo saber a entidade, o prazo para presentarmos contribucións rematará o 31 de decembro. Temos toda a información relativa ao concurso dispoñíbel na web da asociación.
Haberá categorías de Primaria e Secundaria para centros educativos da Mancomunidade Barbanza Arousa, categoría de Diversidade Funcional aberta a toda Galicia e categoría Libre aberta a toda Galicia ou obras en galego no exterior. O certame conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Mancomunidade Barbanza Arousa e máis as ANPAs de Barbanza Arousa.
As orixes
O certame audiovisual de curtas Alberto Romero naceu como unha iniciativa da ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira no ano 2016, como homenaxe o traballo e dedicación social de Alberto Romero (1961-2015). A esta iniciativa sumáronse inmediatamente as asociacións de nais e pais de San Roque do IES Leliadoura e ANPA do CEIPP de Palmeira, así como a A.C. Lajareu por Barlovento, asociacións das que Alberto formou parte, entre outras.
Co apoio do Concello de Ribeira levouse a cabo a primeira edición en 2017 deste certame na que participaron 19 traballos procedentes dos centros educativos do Concello de Ribeira.