
Cando o editor do xornal propúxome participar neste proxecto, tiña un único obxectivo: escribir sobre o que a actualidade ou os recordos van suxerindo, pero sempre deixando de lado calquera polémica. Ata o de agora creo que máis ou menos o conseguira aínda que o outro día sucedeu algo que me trouxo á boca ese desagradable sabor que caracteriza tanto a mollos gástricos como bilis. Máis aínda, cando tras manter un debate en redes sociais, unha persoa púxose a defender con argumentos tan absurdos como falaces o motivo do que causou ese malestar que segue dando que falar.
Porque imos ver: Imaxínanse vostedes a todo un cabaleiro como o Chanceler Adenauer lamentando publicamente o suicidio de Heinrich Himmler ou Herman Goering? Sinceramente. Nin nesas series ou películas tan de moda, onde o ucronismo é norma, o guionista máis atrevido poñería tales palabras en boca dun dos seus personaxes. Pero xa ven. Neste país noso non é tópico que a realidade supere á ficción. Tanto, que aquel que preside o consello de ministros deixounos atónitos o outro día coa súa intervención no senado. E é que un xa se espera case calquera cousa daqueles que ostentan a representación parlamentaria, porque a diferenza do que ocorreu noutras épocas, e con independencia da filiación ou ideoloxía, xa non hai quen sexa capaz de espertar admiración cando sobe á tribuna. Hoxe vivimos na dinámica do “e ti máis”. Daqueles que leron por enriba o texto preparado por un asesor, pero que carecen da profundidade necesaria para argumentar e moito menos debater. Tanto, que se dan por un casual con alguén preparado que faga referencia a outra páxina ou obra do autor que citan, quedan máis perdidos que un berberecho en alta mar. Son como esas orcas ás que mencionaba no meu artigo anterior. Xogan no medio dun fluído onde non lles faltan pezas que cobrar. Pero cando ven algo que lles resulta curioso, embisten aínda a risco de rompelo. Pois esa fractura é a que provocou o outro día Sánchez( omito deliberadamente chamarlle presidente por máis que o sexa). Ata entón aínda existían dous bandos. O dos demócratas, que engloba a case todos os membros do hemiciclo, e o dos terroristas, disfrazados baixo unhas siglas que cambiaron en función dos seus intereses e da constante fraude de lei no que se achan inmersos desde que decidiron saltar á palestra. Porque se mire por onde se mire, Herri Batasuna, Euskal Herritarrok, Sortu, EH- Bildu, son o mesmo. A liña de transmisión dunha ETA que aínda que deixou de matar, nin se arrepinte nin reparou minimamente o mal que causaron ao resto da sociedade.

Algún dirame: E que ten isto que ver connosco? Máis do que poden pensar. Para empezar, un dos terroristas máis sanguinarios da banda, Iglesias Chouza, é veciño de Artes (aínda que xa non viva alí). Da mesma maneira, entre moitos dos nosos veciños que deberon emigrar a terras vascas, atopamos a fillos ou netos que adoptaron como propio o credo abertzale. Vivino en carne propia cando ao regresar durante unhas vacacións, un amigo de Olveira presentoume ás súas curmás. Estabamos no bar CARBALLEIRA en plena esmorga e sen saber moi ben o motivo, o meu colega comentoulle aos seus parentes cal é a miña profesión. Entón unha dime: Se un día vémosche por Donosti, vou avisar á miña cuadrilla para que che dean unha malleira. Comprenderán que quedei un tanto descolocado, aínda que a miña reacción tan inmediata como exenta de violencia. Respondo:Mira guapa. Dá a vida que non son como ti, porque se agora dígolle a toda esta xente que acabas de ameazarme, ías ter máis que problemas. Agora ben, con non volvernos a dirixir a palabra, doume por satisfeito. E aí acabou o incidente. A cuestión é que hai xente preñada dun odio irracional. Dá o mesmo que non che coñezan nin saiban o por que. Abonda con que se tragaron toda a propaganda directa e subliminar que vomitan a diario esas formacións criminais. Por tal motivo, non podo entender ese queixume profundo de Pedro Sánchez polo suicidio dun terrorista. Chámenme resentido, mal cristián ou o que prefiran. Dáme igual.
A diferenza de quen encabeza o executivo, eu teño claro con quen se pode falar e con quen non. Outros, nese afán buenista elevado a infinito, son capaces de pasar de Dimas e abrazar a Xestas. Dá igual que este último insultase ata última hora, colgase ás súas vítimas dos nocellos boca abaixo e alimentásese de sangue de nenos.