Grazas, mariños mercantes. Por Antón Luaces

A Organización Internacional do Traballo (OIT) que ten a Luz Vaz como delegada en Galicia e o norte de España, utiliza as redes sociais cun magnífico “spot” no que se ofrecen imaxes de buques e tripulantes e que serve a esa organización para agradecer o enorme servizo que a mariña mercante está a prestar ao mundo enteiro. 

Remata ese mini-reportaxe a OIT coa seguinte lénda: “Grazas, mariños mercantes, por mover o mundo”, algo que “toca” de cheo á comarca do Barbanza da que, dende vai moitos anos, saen capitáns, oficiais e tripulantes considerados coma os mellores da Terra. 
Resulta moi difícil atopar un barco, un porto, un mar no que non estea un galego. Pero tamén é pouco doado que entre os moitos galegos enrolados non atopemos un que proceda do Barbanza. A todos eles, sexan de onde sexan, hai que, efectivamente, darlles as grazas porque este mundo sería outro moi distinto de non contar con buques de mariña mercante que subministren todo o necesario para que a vida sexa distinta, mellor, porque o que aquí embarcas podes desembarcalo en pouco tempo na outra veira do océano.
Durante noitos anos dirixín e presentei en Radio Nacional de España e Radio Exterior de España programas dedicados ao mar como “Costa Norte”, “Mar Adentro” ou “Españoles en la Mar”. De todos eles gardo un entrenable recordo, pero moi especial o que manteño aínda hoxe, xa xubilado, deste último porque en “Españoles en la mar” puiden comprobar que a sona dos homes de mar de Galicia era ben merecida e o aprezo que por eles sinten en calquera porto ou cuidade na que un mariñeiro galego recale deixe unha impronta de bonhomía, responsabilidade e ben facer que non esaxero si digo que a OIT ten motivos dabondo como para que, ao agradecer á mariña mercante o que fai “movendo o mundo”, pense nos homes e mulleres galegos. E, entre todos eles, os da comarca do ou da Barbanza que, máis ou menos, deixan a súa pegada alí onde pisan.
Grandes mariñeiros, os nosos souberon determinar que “ir ao mar” é ir pescar, mentres que “ir navegar” é ser mariño mercante. Tan necesarios uns coma os outros, todos temos que agradecerlles ese labor inmenso que desenvolven no mar.De ahí que nada me estrane que unha organización mundial como é a OIT pensara neles, especialmente nos mariños mercantes, para agradecer o servizo que prestan.
¡Grazas, mariños mercantes, por mover o mundo”. Coidádevos. Desde o Barbanza, o máis fondo agradecemento.