Rianxo brinda unha axenda estival segura de concertos, proxeccións de cinema e encontros arredor dos libros e da astronomía

16 Xullo 2020

O Concello de Rianxo compartiu novamente a súa programación cultural para estes meses estivais de 2020, unha axenda adaptada aos tempos COVID para cuxa elaboración fíxose un especial esforzo por evitar actividades que puxeran en risco á poboación ao mesmo tempo que se tentaron ofrecer citas destacadas para ser subliñadas no calendario e que foran de interese para todas as idades e gustos. Haberá cinema, libros, astronomía e música, entre outras cousas.

O programa de actividades do verán comezou os días pasados (o 3 e o 4 de xullo) co Encontro Internacional Zona da Zanfona, que achegou concertos e encontros de pequeno formato para mostrar ante os participantes nas sesións a importancia musical (e histórica, artística, cultural, narrativa) dun instrumento tan de noso como a zanfona. Organizou aCentral Folque en colaboración co Concello de Rianxo.

A axenda continúa na fin de semana do venres 17 e o sábado 18 de xullo, coas proxeccións cinematográficas seguras da iniciativa Lúa Chea no Barbanza, impulsada pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte (Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo) para achegar lecer audiovisual a residentes e visitantes baixo unha fórmula que fai compatíbeis os protocolos sanitarios máis esixentes coa diversión e a orixinalidade. A proposta recala o venres e o sábado en Rianxo. Farao ás 20h30 con Cinema Paradiso (cinema clásico) e ás 23h30 con O que arde (cinema galego). O sábado 18 de xullo, ás 20.30 horas, retómanse as proxeccións con O Cid (cinema familiar) e ás 23.30 horas La Biblioteca de los libros rechazados (cinema actual).

Días despois, do xoves 23 ao domingo 26 de xullo as escritoras e os escritores tomarán a palabra. Falamos da nova edición da Feira do Libro de Galicia, que recala en Rianxo cun programa seguro de actividades (libros, actividades literarias, presentacións e sinaturas) no Campo de Arriba). O pregón (o día 23 ás 13.00 horas) correrá a cargo do escritor local Ricardo Losada, autor da recente novela de éxito A casa xunto ao volcán, publicada por Galaxia. O horario da Feira do Libro de Rianxo é o seguinte: de 12.00 a 14.00 (fin de semana de 12.00 a 14.30) e de 18.30 ás 22.30. Medidas de control: dous visitantes por caseta ao mesmo tempo. Desconto do 10% na venda en feira. Máis información en: http://www.librarias.org/axenda_eventos/feira/. Organiza: Federación de Librarías de Galicia. Colaboran: Concello de Rianxo, Xacobeo 21 (Xunta de Galicia), Deputación da Coruña, Industrias Cortizo.

De xeito simultáneo á Feira do Libro chegará a Rianxo outra importante actividade: o Congreso A astronomía nas rutas xacobeas. Celebrarase en dúas quendas: o venres 24 de xullo, ás 20.45 horas, e o martes 25 de agosto, ás 21.00 horas. Organiza Rianxo Ciencia, a Universidade de Santiago e mailo Concello. Haberá, no Centro Sociocultural – Auditorio de Rianxo, relatorios e tamén observacións do firmamento. As persoas interesadas en acudir terán que reservar praza a través do correo electrónico auditorio@concelloderianxo.gal ​​​​​​​(preferente) ou facelo a través do teléfono 664 18 32 17. As reservas para a sesión do venres 24 deberán facerse entre o mércores 15 e o venres 23 (de 9 a 13.30 horas) e as da sesión do martes 25 entre o xoves 13 e o luns 24 (no mesmo horario).

Para quen queira mergullarse na tradición xacobea da comarca a través dunha moi interesante exposición, dicirlle que está habilitada dende o 26 de xuño, no Auditorio, a mostra itinerante As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza: A Orixe, impulsada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar. Trátase dunha mostra divulgativa e de carácter itinerante, enfocada en dar a coñecer o ronsel do patrimonio cultural, histórico e artístico presente no itinerario terrestre deste camiño xacobeo, en proceso de recuperación e posta en valor, por iniciativa desta entidade asociativa: Amigos do Camiño. A exposición reflicte por medio de fotografías as evidencias históricas da ruta xacobea entre Corrubedo e Santiago. A autoría das imaxes achegadas é de Adolfo Enríquez, fotógrafo do Barbanza. O comisario da mostra é Antonio González Millán, documentalista, xestor cultural e autor de proxectos de desenvolvemento e dinamización nos ámbitos galego e nacional, cunha ampla bagaxe en promoción cultural (de Barbanza, de Galicia) a través de publicacións, relatorios, colaboracións de prensa, etcétera. A exposición conta co patrocinio da Xunta (a Consellería de Cultura a través de O Teu Xacobeo) e a colaboración do Concello de Rianxo.

Para os seareiros da música, do xoves 6 ao sábado 8 de agosto celébrase a cuarta edición do Festival Noites de Jazz de Rianxo. Será no Centro Sociocultural-Auditorio ás 22.30 horas (actividades con reserva previa). Xoves 6, Pablo Sanmamed Trío. Venres 7, Pablo Castanho Quartet. Sábado 8, Swing Machine Orchestra. Organiza: Concello de Rianxo. Colabora: Deputación da Coruña. Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (Ribeira).

O venres 14 de agosto o cinema ao aire libre volve ser protagonista. Será na praza Castelao ás 22.30 horas, coa proxección da película María Solinha (estrea), un filme de Ignacio Vilar (Vía Láctea Filmes e TVG). Organiza: Concello de Rianxo. Colabora: Deputación da Coruña.

O sábado 22 de agosto retomamos o fío da música, cun concerto de Barahunda no Centro Sociocultural-Auditorio ás 22.30 horas. Trátase dunha actividade con reserva previa. Organiza: Barahunda. Colabora: Concello de Rianxo.

O programa cultural compleméntase coa Mostra Arte-sanía en Ondiñas Mainas. Será do 21 de Agosto ao 18 de setembro, na sala de exposicións do Centro Sociocultural-Auditorio. Organiza a Asociación Cultural Ondiñas Mainas. Colabora: Concello de Rianxo.

Outros artigos

Rianxo e A Estrada xa son oficialmente concellos irmáns

Este luns 19 de outubro formalizouse finalmente a sinatura do protocolo de irmandamento entre os concellos da Estrada e Rianxo, historicamente unidos polas figuras de Virxinia Pereira Renda (A Estrada) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo). A fraternidade...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.