Pancho Casal: “Queremos que as rías sexan de novo os portos de referencia pesqueira de Europa”

07 Xullo 2020

A Marea Galeguista avoga por unha voz que defenda os intereses do mar na Xunta e que cubra un baleiro nesta lexislatura. Tamén pon o foco en revitalizar o sector para asegurar o relevo xeracional e en impulsar o papel das confrarías: que sexan verdadeiras interlocutoras das necesidades do mar. Falamos con Pancho Casal, candidato á Presidencia da Xunta pola Marea Galeguista.

Dende O Barbanza interésanos moito, e aos nosos lectores tamén, coñecer os plans xenéricos do seu partido para a comarca en relación ás vindeiras eleccións autonómicas, convocadas finalmente este verán. Cales son os estes plans a nivel comarcal? E a nivel provincial?

-A nivel comarcal apostamos por impulsar unhas políticas pesqueiras que revitalicen o sector, que consoliden o relevo xeracional e así o emprego na comarca e a fixación de poboación. Para iso cómpre unha voz que defenda os intereses do mar na Xunta, ausente esta lexislatura, que defenda os dereitos de captura que aseguren a rendibilidade das campañas; defendemos o comercio de proximidade e o produto en fresco, unha rede que poña nas mesas das galegas e galegos o mellor peixe, pescado por nós; que as confrarías sexan verdadeiros interlocutores das necesidades e problemáticas do sector, non convidados de pedra como sucedía ata agora.

O comercio local xa estaba danado gravemente polas grandes superficies, e isto agudízase agora porque os pequenos non poden competir cos grandes, por iso Marea Galeguista aposta polo pequeno e mediano comercio, instaurando unha moratoria ás grandes superficies e creando un imposto específico para elas que compense os danos que produce tanto no comercio como no medio ambiente, recursos que empregaremos para fomentar a rede local e comarcal.

Queremos impulsar que nos centros públicos se consumen produtos producidos na proximidade e que se emprega a empresas da zona para o abastecemento e funcionamento de hospitais, colexios e residencias. Con nós chegará o remate do negocio das multinacionais na xestión do público, e tamén das grandes contratas que viven de costas á comarca.

Doutra banda, o Estado inxectou cartos en Galicia para paliar os efectos da pandemia, que Feijóo se quedou e non distribuíu entre os concellos, malia que estes ofreceron servizos eficaces de prevención e emerxencia: nós distribuiremos xustamente eses cartos por medio da FEGAMP para que os concellos non teñan que asumir os custos de axustar o seu funcionamento nin a seguridade da veciñanza con cargo ás arcas municipais.

-Estamos a vivir tempos complexos dende moitos puntos de vista, non só sanitarios senón tamén económicos, sociais, culturais, etc. Esta situación ten que influír por forza nos programas dos partidos. Cal sería a proposta da súa agrupación para contrarrestar, nos nosos concellos, os efectos da chamada COVID-19?

-A COVID-19 vai traer uns efectos inevitables na redución da actividade económica, especialmente no sector terciario, e tamén nun incremento dos recursos precisos para a atención dos servizos públicos. Desde a Marea Galeguista entendemos que vai ser difícil afrontar unha suba das necesidades sen un incremento dos ingresos públicos, polo que pedimos unha reforma fiscal xusta que achegue eses recursos precisos desde o sector da poboación máis acomodado, mentres realizamos unha transición a unha economía menos terciarizada e máis resiliente.

-Cales son, a nivel económico, os puntos portes dos nosos concellos para paliar os efectos da pandemia, o parón produtivo e o desemprego? Por que sectores habería que actuar de inmediato? O mar? As renovábeis? As novas tecnoloxías? O turismo? A cultura?

Galicia en xeral é unha terra rica polas súas características climáticas e pola súa posición xeográfica, cun potencial enorme se coidamos ese capital natural. A Marea Galeguista pretende apoiar unha pequena industria transformadora que aproveite as materias primas e deixe na nosa terra o valor engadido xerando emprego de calidade. A oportunidade da chegada dos fondos europeos e estatais é única e debemos aproveitala para facer unha transición cara á sustentabilidade das nosas explotacións gandeiras e forestais. Agroecoloxía, gandería en extensivo, madeira de calidade, industria transformadora, compra pública, venda directa, renovables, eficiencia enerxética, son palabras chave do noso modelo.

-As organizacións tamén advirten dun incremento dos desafiuzamentos e da xente sen fogar. Cal sería a súa proposta para loitar contra esta lacra?

Postulamos dende a Marea Galeguista a instauración da renda básica universal como primeira medida de rescate social. O ingreso mínimo foi un avance tan necesario como insuficiente, e queremos este recoñecemento no Estatuto de Autonomía para que unha persoa polo feito de selo teña o suficiente para satisfacer as necesidades máis básicas, entre elas a vivenda.

Pero o mercado da vivenda non se vai regular só como pretende o PP, nin sequera con esta renda, polo que apostamos pola creación dun parque público de vivenda que permita poñer casas en aluguer de longa duración para persoas e familias máis vulnerables ás oscilacións de mercado: para que a xente moza poda emanciparse, as familias con baixos ingresos teñan asegurado un fogar a un prezo asequible, en caso de violencia de xénero, e para afrontar situacións imprevistas na vida da xente que afecten á vivenda (unha separación, a perda abrupta de ingresos por razóns laborais ou outras circunstancias da vida). Este parque crearíase a partir da cesión de vivendas da SAREB, mediante a adquisición de inmobles para a súa rehabilitación en plans integrais en vilas coma Rianxo, Boiro, Ribeira ou a Pobra ou, en última instancia, mediante a construción de inmobles novos. Este parque non se destinaría só a aluguer con prezo accesible, tamén contemplaría modalidades como vivenda comunitaria compartida de xente maior.

-Que bota en falta vostede nas actuais estratexias políticas autonómicas e locais?

Feijóo non ten proxecto de país. Só ten unha visión de negocio de Galicia bo para os seus amigos. Así o demostrou privatizando a sanidade e as residencias de maiores, en vez de fortalecer un sistema público sanitario e de dependencia. O colapso recorrente dunha sanidade precarizada e desatendida, e a vergoñenta situación das residencias concertadas da Xunta destapada coa COVID19 evidencian o fracaso da súa xestión. Feijóo non coida da súa xente, coida dos seus amigos, aos que entrega os servizos públicos. Nós queremos cambiar todo iso, reforzando o sistema público sanitario, de servizos sociais e educativo, desmercantilizando o que é de todos. Tampouco ten Feijóo unha política económica adaptada ao cambio enerxético nin de protección dos nosos sectores produtivos, nin no agro, na pesca, nin na industria. Nós queremos facer do atlántico galego a referencia da industria da autonomoción colectiva eléctrica (na área de Vigo) e da construción das plataformas eólicas mariñas na área de Ferrol. E facer de novo das rías galegas os portos de referencia pesqueira de Europa. Pero para iso hai que crer no país. A Marea Galeguista cre, e imos demostralo a partir do 12.

Outros artigos

Ribeira celebrou unha multitudinaria misa en honra de Santa Uxía

A veciñanza da cidade correspondeu coa súa multitudinaria presenza na misa na honra da Santa Uxía que ás 12 do mediodía de hoxe ocupou por completo o adro da igrexa e a praza da Porta do Sol nun recinto disposto con cadeiras para cumprir coa normativa anticovid. A...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Último abril”. Olegario Sampedro

“Último abril”. Olegario Sampedro

“Último de abril, primero de mayo. Que entre el bueno y salga el malo”. Este era el popularadagio al que, cada 30 de abril, se recurría para bendecir las casas. Provistos con una rama detojo empapada en agua bendita, la gente santificaba sus hogares con el propósito...

“A crise nos nenos” – José Manuel Pena

“A crise nos nenos” – José Manuel Pena

A parella está sen traballo e unicamente perciben pouco máis de 600 euros mensuais. Teñen dúas nenas de 4 e 6 anos. A pasada semana comeron pasta e arroz porque non dispoñían de diñeiro e a prestación non entra, no caderno do banco, ata o día dez de cada mes. Desde...