O colectivo La Luz del Camino xa percorre a orixe do Camiño acompañado polos nosos alcaldes

Comezou finalmente o percorrido cara a orixe do Camiño do Santiago dos integrantes do colectivo La Luz del Camino, acompañados dos alcaldes de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira e doutros representantes dos concellos que conforman a Mancomunidade Barbanza-Arousa, co-organizadora do proxecto xunto coa Asociación Amigos do Camiño do Barbanza e Sar – A Orixe.

Esta experiencia, que os converterá nos primeiros peregrinos en percorrer o Camiño A Orixe (unha viaxe ao punto de partida desta peregrinación milenaria), comezou este 28 de xullo e incluirá tres xornadas de percorrido, marcadas polo tributo ás vítimas da COVID-19: o itinerario da Mochila Viaxeira será, en si mesmo, unha homenaxe aos que non puideron superar a pandemia.

O colectivo que pisa estes días os sendeiros da nosa comarca arrincou a súa peregrinaxe os días pasados en Roncesvalles. Este 28 de xullo prolongaron a experiencia na parroquia de Isorna, acompañados os seus integrantes do rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños.

Camiño A Orixe e o destino Barbanza Arousa

Este camiño de peregrinación é o único que volve sobre os pasos que realizou o sepulcro co corpo do Apóstolo, segundo informa a devandita asociación, que recalca que se tratada da “orixe de tódolos camiños, esa orixe que todo ser humano anhela descubrir”.

Etapas

28 de xullo – Isorna (Rianxo) – Cespón (Boiro)

29 de xullo – Cespón (Boiro) – O Xobre (A Pobra do Caramiñal)

30 de xullo – O Xobre (A Pobra do Caramiñal) – Corrubedo (Ribeira)

Placa conmemorativa da primeira peregrinación

O día 30 de xullo, os integrantes de La Luz del Camino culminarán esta última etapa, en Corrubedo, onde se realizará un acto conmemorativo desta primeira peregrinación.