Do 3 ao 5 de xullo temos unha nova cita coa zanfona en Rianxo

22 Xuño 2020

Rianxo vai ser este verán unha máquina do tempo específica do ámbito musical. Isto vén a conto porque novamente acollerá, poñendo en xogo as máis estritas medidas de seguridade sanitaria e control de afluencia de público, o Encontro Internacional Zona de Zanfona (ZdZ), o festival que organiza cada ano na vila rianxeira aCentral Folque en colaboración co Concello. Será un viaxe (contida, sen aglomeracións, cun programa adaptado á nova realidade) aos tempos nos que a zanfona era a gran protagonista de todo acontecemento social e cultural nas nosas vilas e cidades. A cita (a dezaseis edición dun evento “único na Península”) chegará en cuestión de días, de 3 ao 5 de xullo.

Como dixemos, esta convocatoria terá unha programación especial para cumprir cos protocolos de sanidade, hixiene e distanciamento físico que a situación require mais que non “desatenderá ás actividades fundamentais do seu programa”, informou a organización. A previsión é xuntar novamente músicos especialistas no dito instrumento e ofrecer unha destacada axenda concertos, cursos e convivios arredor da zanfona. A programación deste ano pivota sobre tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e actividades online (en inglés para audiencias non presenciais).

Segundo engaden dende aCentral Folque, os concertos atenden a un criterio de especialización (o virtuoso Efrén López e as músicas mediterráneas), do popular (o repertorio tradicional galego do dúo Sobre Rodas e a dramaturxia de Os Monifates) e das novas expresións recreadas (trío É Romance sobre o romanceiro tradicional ibérico).

Esta edición non contará co apartado Palco Aberto, a mostra-exhibición das escolas de zanfona do país.

Os concertos son de entrada libre e este ano deben ser con reserva do billete previa aos concertos, que, ademais, terán o aforo limitado e e contarán con medidas para garantir a distancia física entre os espectadores.

Os cursos de interpretación terán igualmente prazas limitadas. Serán o de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio pois empresta a organización) e de especialización con Efrén López.

No capítulo de novidades, o programa achegará un curso de construción de zanfonas, conducido polo artesán Suso Gestal. Así nolo explican dende Folque: “Seguindo os planos achegados en aberto por Jaap e Fay Brand do seu modelo denominado Nerdy Gurdy, a equipa do Zona da Zanfona coa axuda inestimábel de Suso Gestal, desenvolveu un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso para asegurar que cada participante leva a casa unha zanfona funcional canda a aprendizaxe do xeito de facela”.

Outra novidade deste ano será o programa da ZdZ Dixital: actividades de divulgación especializada para unha audiencia internacional emitidas por Internet. Será unha aula maxistral con Steve Tyler, zanfonista inglés de longa traxectoria artística e unha palestra sobre cordas históricas e modernas coa canadense Tobie Miller, intérprete especializada en repertorio barroco para zanfona.

A organización tamén recorda que ZdZ continúa coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa terceira entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas contribucións dos docentes de escolas galegas do dito instrumento para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Este repertorio xa se pode descargar da Rede.

Quen queira consultar os detalles do programa pode facelo na web de aCentral Folque.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Momentos Altos”. Mario Clavell

“Momentos Altos”. Mario Clavell

Camino dos minutos pisando hojas caídas de los olmos de Santa Clara. A través de losauriculares oigo el andante del concierto 2 para piano de Rachmaninov, plas, plas, plas…Saludo al vecino José Antonio en la parada del bus número 6, y veo nubes blancas entre...

“Feijóo une su suerte a la de Mazón y Abascal”. Manuel Velo

“Feijóo une su suerte a la de Mazón y Abascal”. Manuel Velo

Mazón se desentendió de la Dana el día 29 al coger un día de asueto para mocear con una periodista, habiendo dicho que no pudo estar en contacto con emergencias por un apagón de falta de cobertura, una mentira más, cuando la periodista declaró que tuvo constantes...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.