
A área de Turismo da Deputación da Coruña vai destinar máis de un millón de euros aos entes de xestión turística dos concellos ante os desafíos da desescalada e da volta á normalidade. A partida de axudas, unha iniciativa para mitigar os graves efectos da crise sanitaria no sector, foi dada a coñecer polo vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, quen informou que os apoios irán destinados a impulsar proxectos de modernización e dinamización. Segundo fixo saber, os entes de xestión son “unha peza clave para a recuperación do turismo”. Entre estas entidades atópase a Mancomunidade Arousa Norte (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira) e a Asociación Rural para Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia.
A contía repartirase entre as catorce propostas que traballan en todo o territorio da Coruña e que reciben axudas de até 120.000 € para a consolidación das súas estruturas administrativas e as actividades que desenvolven ao longo do ano, encamiñadas neste caso a contribuír a superar a crise provocada pola COVID19.
A Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, A Asociación Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, a Asociación Rural de desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, a Asociación Socio-Cultural Agua e Sal, a Asociación para o Desenvolvemento do Turismo de Calidade da Comarca de Ortegal, Costa da Morte Asociación Turística, as Mancomunidades Ría de Arousa-Zona Norte, Concellos Comarca de Ferrol e Comarca de Ordes, Información e Comunicación Local de Santiago (Incolsa), Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña son as entidades beneficiarias da convocatoria.