O certame de vídeos en galego Youtubeir@s publica as bases da edición de 2020

02 Maio 2020

A nova edición do certame Youtubeir@s segue o seu camiño, poñendo o foco no seu obxectivo principal, un obxectivo viábel malia o confinamento: encher as redes de vídeos en galego. Estes días publicáronse as bases da nova convocatoria, que están accesíbeis na web do concurso e que implica, ademais, que a ampla comunidade (unha comunidade reforzada en tempos de COVID) de creadoras e creadores audiovisuais da nosa terra xa poida presentar as súas contribucións a través da plataforma de vídeos de YouTube. Entre as entidades organizadoras do proxecto atópase o Concello de Rianxo.

A idea dos concellos e institucións que impulsan Youtubeiras é “canalizar a vitalidade creativa que se está amosando durante o período de confinamento, facéndoa visíbel para o público a través das obras presentadas”.

A convocatoria deste ano incorpora novidades. Unha delas é a modificación e ampliación de categorías, co obxectivo de dar cabida á totalidade de xéneros que están a coller corpo, e, en palabras das entidades organizadoras, “recoñecer un máis amplo abano de cuestións relevantes no fenómeno youtubeiro”. Como resultado desta modificación aumenta o orzamento do certame. En concreto, establécense 12 premios, tres deles, os principais (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) dotados con mil euros cada un. E o resto (Calidade lingüística, Impacto, Calidade técnica, Comunicación, Creatividade, Musical, Didáctico, Pioneiro e Do público) con premios de 500 euros.

Todos os traballos inscritos deben estar publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019 na plataforma de vídeos YouTube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtuberias #youtubeiros na descrición do mesmo.

O prazo para inscribirnos no certame comeza o 27 de maio e remata o 23 de outubro. As persoas interesadas deben formalizar a inscrición a través do formulario que figura na web youtubeiras.gal. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos.

O xurado, composto por cinco persoas, valorará os seguintes criterios: a creatividade, innovación e calidade dos contidos; a creación e mantemento de comunidade; a periodicidade dos contidos; a calidade técnica da peza tanto visual como sonora; a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto oral como visual; a calidade lingüística e a repercusión do contido creado. Cada creador ou creadora pode inscribir tantos vídeos ou canles como desexe, sen límite de duración.

O concurso está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Santiago, A Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Teo e O Grove, e as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, ademais da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Rianxo ten unha taxa de paro do 3,46%

O Concello de Rianxo fixo un breve balance das cifras de desemprego no termo municipal, baseado nos últimos datos publicados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. En base a esta información Rianxo pechou o 2024 con 372 persoas en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión