Durante a mañá de hoxe a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, culminou cos alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; e de Ribeira, Manuel Ruíz; o proceso de entrega aos municipios de máis de 20.000 habitantes de máscaras. Nos próximos días serán os concellos de menos de 20.000 habitantes os que reciban o material remitido polo Goberno de España e que nestes casos será distribuído a través da Deputación da Coruña, segundo o acordo alcanzado entre o Executivo central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A Subdelegación do Goberno tamén procedeu á repartición das máscaras destinadas a entidades sociais. En concreto, Pilar López-Rioboo entregou as unidades correspondentes a Cruz Vermella, Cáritas e Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade ( CERMI), que serán as que se encarguen á súa vez da distribución entre os seus entes asociados e colaboradores. No caso de CERMI son dez as entidades que a conforman, entre as que figuran a Federación de Persoas Xordas, Aspace, Down Galicia, Cogami e Once, entre outras.
Pilar López-Rioboo quixo destacar o gran traballo e esforzo desenvolvido polos concellos e as entidades sociais durante a crise derivada do COVID-19 e que focalizou fundamentalmente na defensa das persoas máis vulnerables e desprotexidas. Por iso agradeceu ás persoas responsables das entidades sociais e aos alcaldes e alcaldesas o labor levado a cabo a través dos seus diferentes servizos, especialmente as policías locais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e áreas de Servizos Sociais, no caso dos concellos. A subdelegada do Goberno lembrou que a provincia dispuxo nesta ocasión de 344.000 máscaras, que se suman ás 250.000 que se entregaron á finalización do permiso laboral retribuído, tras a Semana Santa. A medida coincidiu co inicio dun novo paso cara á nova normalidade no que o Goberno quere acompañar á cidadanía, como foron as aperturas dalgúns negocios e o incremento de mobilidade derivado das novas medidas que se irán implementando fase a fase, así como coa obrigatoriedade do uso de máscaras no transporte público.