As bibliotecas do Barbanza celebran o Día do Libro máis virtual

20 Abril 2020

O vindeiro Día do Libro, este 23 de abril, pasará á historia como a celebración da lectura máis decididamente virtual. Os motivos, xa os coñecemos todas e todos, non son outros que as obrigas do Decreto de Alarma, que nos impiden, polo ben común, seguir levando a cabo a nosa actividade habitual nas bibliotecas municipais e máis nas librarías. Porén, as novas tecnoloxías permiten tal cantidade de posibilidades de comunicación que case será posíbel esquecer, por uns momentos, a ausencia de “presencialidade”. Este será o obxectivo común de todas as bibliotecas públicas da Xunta o xoves desta semana: ser máis nunca bibliotecas online e celebrar ao grande o Día do Libro.

A nivel galego, haberá un pouco de todo: concursos en redes sociais, lecturas, intercambio de recomendacións, bookcrossing virtual, exposicións ou proxectos colectivos dende os fogares. Por enriba de todo isto e servindo de pano de fondo, a plataforma GaliciaLe seguirá coas súas portas a abertas antes, durante e despois de 23 de abril, permitíndonos acceder a máis de 4.500 empréstamos electrónicos de xeito gratuíto. As propostas enmárcanse na iniciativa #aculturasegue promovida polo Goberno autonómico en redes sociais con lecer e formación durante o confinamento.

Bookcrossing virtual

Pódese adaptar ás redes a práctica tan saudábel de intercambiar libros? A resposta é afirmativa, e así nolo van demostrar estes días as bibliotecas da nosa terra e de todo o ámbito estatal, que, ante a imposibilidade de desenvolver a fórmula do bookcrossing en circunstancias normais (deixar libros en diferentes recantos das salas de lectura para que os recollan outros lectores), levarán a cabo unha actividade de intercambio virtual, a través da que cada centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.

Encriptados en emoticonas na Coruña

Desde A Coruña, a Biblioteca Miguel González Garcés pon en marcha nas súas redes sociais o concurso Encriptados de ida e volta, mediante o cal os participantes deben enviar, ata o 21 de abril, unha mensaxe a través do seu perfil de Facebook co título do libro que están a ler durante o confinamento descrito en emoticonas. Unha vez recompiladas todas as mensaxes, publicarase unha listaxe o día 23 con todos os títulos e os participantes deberán adiviñar o título deses libros.

Balcóns de lectura en Lugo

A Biblioteca Pública de Lugo está a desenvolver o programa Balcóns de lectura. Trátase dun roteiro dixital por librerías, escritores e mediadores culturais que desde os seus balcóns deixan as súas suxestións lectoras e os seus textos. Estas son recollidas e publicadas nas súas redes sociais.

Libros prohibidos en Pontevedra

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola ofrecerá desde o 23 de abril ata o 15 de maio unha exposición virtual na súa web arredor dos Libros prohibidos, unha mostra sobre a censura literaria ao longo dos séculos.

Relato colectivo en Santiago

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal creará, a partir do 20 de abril, unha historia colaborativa a través de Twitter baixo o título Conto a moitas mans. Este conto comezará cunha pequena frase de arranque que estará seguido das instrucións para poder participar e que consisten en “copia, continúa a historia e comparte como comentario”. Ao remate, publicarase o relato completo e, en función, da extensión final realizarase un cartel ou unha publicación. Ademais, o Día do Libro publicarán unha serie de video-recomendacións de lecturas de amigos deste Biblioteca.

Viaxar sen saír da casa en Vigo

Viaxar sen saír da casa é unha das propostas da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que invita aos seus usuarios a encher nas súas redes sociais unha guía de viaxe e unha guía de lectura cos seus lugares e libros destacados. O mapa e listaxe resultantes serán publicados o Día do Libro. Ese mesmo día, a súa web acollerá a exposición virtual Libros e cidades: rúas e relatos, camiños converxentes, na que se repasan obras significativas da literatura galega e internacional, destacando fragmentos que describen as cidades ou vilas nas que transcorren.

Exemplares únicos na Comunidade

Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, desde a Cidade da Cultura, destacará algúns títulos con exemplares únicos que se atopan na rede de bibliotecas da nosa terra. Tomando como referencia o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego, visualizaranse algunhas obras estudadas polos técnicos da biblioteca dos que só unha biblioteca galega conserva un único exemplar.

As bibliotecas de Barbanza

As bibliotecas da nosa comarca levan días celebrando virtualmente o poder curativo da lectura, un factor de gran relevancia para superarmos da mellor maneira posíbel o confinamento e a crise do Estado de Alarma. A Biblioteca de Ribeira segue operativa malia ter as portas pechadas, recomendándonos lecturas e abríndonos xanelas de coñecemento, como tamén permanecen moi activas as Bibliotecas de Pobra (achegándonos contos para nenos e tamén para maiores, e mitigando con convites á imaxinación os efectos negativos da reclusión forzosa), de Boiro (que está a facer un importante labor durante a pandemia, animándonos con contos para ver, escoitar e descargar) e de Rianxo (poñendo relatos á nosa disposición e convidándonos a falar de libros e compartir coas demais seareiros e seareiros as lecturas que máis nos marcaron na nosa nenez e na nosa xuventude).

A nivel máis específico, a semana do Día do Libro estase a celebrar xa na biblioteca boirense cun obradoiro de marcapáxinas orixinais que os participantes poderán mandar a través de correo electrónico á conta boiro.rbgalicia@eidolocal.es para logo publicala nas redes sociais (a imaxe, segundo informa a Biblioteca de Boiro, pode ser só do marcapáxinas ou tamén ir acompañada dun libro, unha frase relacionada co Día do Libro ou do que queiramos).

Por certo que dende a Biblioteca de Rianxo compartiron os días pasados cos internautas a primeira novela curta do escritor rianxeiro José Carou Rey, O bebedizo da Lúa, en descarga dende este 18 de abril.

Outros artigos

“Maduro y Franco”. José Castro López

Dos personajes, Maduro y Franco, coparon la actualidad la semana pasada y dosinformaciones sobre ellos merecen este comentario.La primera es la carta del lector de un periódico (La Voz de Galicia, 11.01.2025)firmada por Javier Sanz bajo el título “Silencios...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión