A semana pasada, a operadora de orixe galega R deu a coñecer os seus ambiciosos plans de espallamento pola nosa xeografía, uns plans que inclúen a extensión dos seus servizos de telecomunicacións máis avanzados á práctica totalidade dos concellos da nosa terra. Estes obxectivos, que segundo apuntou a operadora están preto de conseguirse, implican que a fibra óptica de seu (fibra FTTH) chegue a 151 novos concellos e a arredor de 153.000 empresas e fogares nos que até o de agora R non tiña posibilidade de ofrecer produtos ou onde tiña limitado o acceso á conectividade mediante rede de fibra óptica. O resultado será unha cobertura para 1.200.000 domicilios e negocios en 290 municipios galegos. No que respecta á comarca do Barbanza, a compañía incrementará de maneira notábel as empresas e fogares que ten cubertos con fibra óptica (servizo directo + indirecto) que a día de hoxe son 39.455, repartidos entre Ribeira, Boiro, Rianxo, A Pobra, Noia e Porto do Son. A previsión é ter preto de 43.700 ao remate do ano.
En Ribeira, ao número actual de 11.555 unidades con cobertura habería que engadir 1.300; A Pobra continuaría coas 4.962 empresas e domicilios actuais; en Boiro ás preto de 8.923 unidades actuais cómpre engadir 967; en Rianxo, aos 3.863 negocios e domicilios arestora cubertos con fibra óptica avanzada de R sumaríanse 1.000 máis; Porto do Son seguiría coas 3.219 unidades actuais e Noia xuntaría 883 ás case 7.000 actuais
A comunidade medra
Respecto das liñas xerais do informe, nel sinálase que até o día de hoxe, 139 dos 314 municipios que existen en Galicia tiñan xa acceso á rede propia de fibra óptica de R. A partir deste momento, hai que sumar a estas 139 outras 151 novas localidades (preto de 153.000 fogares e empresas), que poderán ter acceso aos produtos e servizos de R, a través da rede de fibra óptica.
Os clientes dos novos municipios terán acceso a 500 Mbps. de Internet, 30 GB de móbil e TV rebobina con deco 4K, por 19,9 euros ao mes.
Así, nos vindeiros días, as veciñas e veciños destas 151 localidades poderán xa acceder á oferta converxente completa do operador, que inclúe telefonía fixa e móbil, Internet de banda larga fixa e móbil, ademais de telefonía fixa con chamadas ilimitadas e televisión dixital. En concreto, os novos clientes terán á súa disposición acceso á que sería, en palabras da compañía, “a mellor e máis completa oferta do operador con 500 Mbps de Internet, 30 GB de móbil con chamadas ilimitadas e TV rebobina con decodificador Android 4K de alta definición, por 19,9 euros durante o primeiros seis meses contratando antes do 31 de marzo”.
Todo o que queremos saber, en R.gal
A información sobre o acceso á rede de R en novos municipios está dispoñíbel na web R.gal, onde se pode consultar o mapa de cobertura, así como nas tendas da operadora e no número 1445 de atención ao cliente. Amais, a compañía anunciou que o presentador da CRTVG Xosé Ramón Gayoso irá informando no seu espazo en vindeiras semanas de forma paulatina dos municipios aos que chega a fibra óptica de R.
“En R”, explica a dirección da empresa logo de anunciar estes importantes obxectivos de seu, “culminamos deste xeito o despregue da nosa rede e seguiremos apostando por ampliar as nosas infraestruturas de telecomunicacións de última xeración na totalidade das poboacións galegas, ben mediante rede propia, ben apoiándonos noutras redes para conseguir levar a conectividade a todos os fogares e empresas en todas as localidades de Galicia co obxectivo último de reducir a fenda dixital”.