
Boiro Novo anunciou que o luns se produciu unha xuntanza co goberno local para abordar a xestión prevista para a radio municipal, decantándose finalmente polo modelo público, algo que celebra a formación encabezada por Dores Torrado. Deste xeito, desbótase a externalización do servizo. Segundo manifestou Xurxo Triñanes, celebran que “a actitude do PSOE cambiase”, cualificándoo como “un logro” que se acadou ao non existir unha maioría absoluta, polo que “imponse o diálogo, imponse o sentido común sobre as imposicións.” Neste senso, lembrou que a privatización do medio de comunicación ía en contra dun dos acordos comprometidos cando se produciron as negociacións de cara a investidura do candidato do PSdeG-PSOE local, contemplándose a reapertura de Radio Boiro nas mesmas condicións que cando se pechou no 2015, é dicir, pública e, cando menos, cos mesmos recursos humanos e materiais. Non obstante, amósanse abertos a “engadir ou calquera outra fórmula que amplíe eses mínimos que había inicialmente.”
Pola súa parte, Dores Torrado expresou que “estamos satisfeitos porque o voto de Boiro Novo foi decisivo á hora de poder recobrar para o Concello de Boiro a radio pública”, sostendo que é un motivo de satisfacción para o grupo ao que pertence e para o conxunto da poboación boirense. Tamén apuntou que, tras a reunión cos socialistas, vai haber un período previo á reapertura enfocado na reorganización do persoal municipal xa que, cando se pechou a radio, os seus traballadores reasignáronse a outras áreas do Consistorio. Así mesmo, insistiu en que valoran positivamente que o PSdeG-PSOE “se bote atrás, que volva aos principios e ao que todo o mundo agardaba hai oito meses, que neste Concello houbera a aplicación de políticas de esquerdas, de políticas progresistas.”
Finalmente, avanzaron que xa hai sobre a mesa unha proposta de programación para Radio Boiro, estando na Alcaldía desde hai quince días por parte das persoas que desenvolverán o contido.