O conselleiro de Economía fixo un chamamento en Boiro a prol da transformación empresarial

13 Febreiro 2020

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, volveu visitar Boiro este mes de febreiro logo da súa recente estadía, en outubro, na que mantivo unha xuntanza co alcalde José Ramón Romero con vistas a establecer vieiros de colaboración a prol do comercio local. A nova visita de Conde ao concello tivo como escenario principal a sede da Asociación Boirense de Empresarios (ABE) e centrouse en achegar ás PEME locais información de utilidade sobre as principais axudas autonómicas que teñen á súa disposición en materia de impulso, crecemento, transformación e optimización. Asemade, fixo un chamamento a prol de xuntar forzas para avanzar en transformación tecnolóxica, fórmula imprescindíbel para seguir avanzando económica, empresarial e socialmente.

Xunto co titular de Economía, participaron o director xeral do IGAPE, Juan Cividanes, o rexedor boirense, José Ramón Romero, e o presidente da ABE, Daniel García.

No encontro Conde salientou “o dinamismo empresarial do municipio”, que conta con máis de 2000 empresas, e apuntou que “se se busca que ese número se fortaleza e medre, debe impulsarse a estratexia 4.0, a dixitalización e as novas tecnoloxías da información; ofrecer formación aos profesionais para que melloren a súa cualificación; e diversificar os produtos para chegar a máis mercados”.

O acto, que contou coa presenza de 50 empresarios, comezou co discurso do presidente da ABE que quixo destacar que a asociación ten o obxectivo de implantar no seu seo un punto PAE, un punto de atención ao emprendedor que pertenza a unha rede nacional de centros e que nos permitirá ser o epicentro emprendedor da comarca”.

O conselleiro lembrou na súa intervención que “Boiro forma parte dos Concellos Emprendedores, que ofrecen incentivos ás empresas que queren asentarse nos seus municipios e que teñen prioridade no acceso a diferentes convocatorias de axudas”. Tamén fixo fincapé en que “é preciso que as empresas gañen en tamaño se queren seguir sendo competitivas nos diferentes mercados”, e referiuse a programas de apoios con prazos de solicitude abertos como os destinados aos autónomos, a impulsar o financiamento empresarial ou para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...