Lestrobe (Dodro) acolleu a presentación da revista Follas Novas

22 Febreiro 2020

 O Pazo de Lestrobe acolleu este venres a presentación do número 4 da revista de Estudos Rosalianos Follas Novas. Editada pola Fundación Rosalía de Castro a publicación recolle un amplo abano de artigos dedicados á obra da insigne escritora e inclúe unha carta inédita de Rosalía de Castro, dentro dos actos rosalianos realizados con motivo do Día de Rosalía.

A misiva vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía. Foi descuberta por Pablo Carou Barros, quen dedica un artigo na revista ao estudo desta polifacética figura monfortina, e é publicada e estudada por Anxo Angueira [ao final desta nota poden descargar o nº4 da revista e ler a carta e os artigos sobre ela]. Aínda que carece de lugar e data, a carta pode situarse entre 1865 e 1866 en Compostela.

Nela Rosalía contesta sobre o tema do uso do sombreiro ou da mantilla no teatro e emite un xesto de cordialidade que abre as relacións Murguía-Villaamil ao conxunto dos dous casais. Por outro lado, di Rosalía que “no voy nunca al teatro”, o que fai que no artigo se estude o teatro en Compostela nestes anos e se volva a revisar a relación de Rosalía co teatro e co Liceo de La Juventud. 

A carta vén sumarse ás 16 coñecidas e enriquece un epistolario que debeu ser sen dúbida moi rico e extenso. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e estudoso da súa obra, explica que “o repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable”. 

O estudo de Anxo Angueira demostra “ata certo punto a autonomía de Rosalía [a respecto de Murguía] e que con toda seguridade mantiña relacións autónomas. Aínda que a relación é entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas”. 

Eis o texto da carta: 

Castro (Rosalía) 

Murguia no está en casa y me tomo la libertad de contestar á la atenta de V, diciéndole que aun que no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta poblacion se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido. 

Tan pronto venga Murguia que no debe tardar, le hare presente la atención de V. y el le dará en persona las gracias y la respuesta. 

Tengo la satisfaccion de ofrecerme con esto su servidora y de demostrarle mi sentimiento, por no haber podido visitar á su apreciable Señora a quien se servira hacer presente mis respetos, contando V a si mismo con una servidora y amiga. 

QB S MRosalia Castro de Murguia 

Reproducción da carta de Rosalía a José Villaamil y Castro

No texto sorprende asemade a afirmación de non ir nunca ao teatro nunha persoa que foi actriz amadora tanto de moza coma de casada. “Se cadra o que se ofrecía no Teatro Principal daquel tempo non era do seu interese”, aventura Angueira, que tamén indica que a misiva demostra que “en 1860 continúa coas súas relacións co Liceo de la Juventud”. 

A cuestión do chapeu e da mantilla non é tampouco baladí. Subliña Angueira que non é unha cuestión só de moda, senón política: “A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara”. 

O número 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas tamén ofrece en varias das súas seccións unha homenaxe a Carvalho Calero, un dos grandes estudosos da vida e da obra rosalianas, entre outros artigos asinados por Teresa López, Xurxo Martínez ou Victorino Pérez Prieto, entre outros. 

O Concello de Dodro é patrocinador deste cuarto número e a presentación tivo lugar no Pazo de Lestrobe, coa presenza do alcalde do concello iriense, Xabier Castro, ademais do propio Anxo Angueira, Xosé Luís Axeitos, director da revista e o concelleiro de Cultura de Dodro Xoán Xosé Vicente.

De esquerda a dereita o Concelleiro de Cultura de Dodro, Xoán Xosé Vicente, Xosé Luís Axeitos director da revista, o alcalde Xabier Castro e Anxo Angueira presidente da Fundación Rosalía de Castro

Os asistentes agasallouse un exemplar da revista e unha reproducción da carta servindo o final do acto un Caldo de Gloria.

Outros artigos

Ludus Tonalis celebra en Dodro este venres un concerto solidario de Nadal

Este venres 20 de decembro terá lugar na Igrexa de San Xián de Laíño (Dodro), ás 20.00 horas, un concerto solidario de Nadal a cargo do Coro de cámara Ludus Tonalis. Esta agrupación nace na Coruña no ano 1997, na actualidade está integrada por 8 compoñentes e ten como...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión