O Arquivo da Emigración Galega publica os fondos documentais de tres sociedades creadas por emigrantes dodrenses na Arxentina

25 Abril 2024

O Arquivo da Emigración Galega, portal do CCG que pon o foco na diáspora, publicou nunha nova entrega do programa Memoria documental das sociedades da emigración galega os fondos documentais de tres entidades postas en marcha en Arxentina pola veciñanza da parroquia de Lestrobe, en Dodro. Nos fondos inclúense os libros de actas, o rexistro dos asociados e asociadas ou a correspondencia enviada e recibida.

Dende o punto de vista temático, reflíctese a loita do colectivo dodrense na diáspora contra o caciquismo e o seu compromiso co desenvolvemento dos seus lugares de orixe. A Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro, a Sociedad Hijos de Lestrove e a Unión Residentes de Dodro foron tres das asociacións creadas para tal fin.

Tomás Viturro, Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro foron algúns dos nomes propios que, en maio de 1913, implicáronse na fundación da Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro. Creada en Bos Aires con fins agraristas e mutualistas, a asociación axudou ao funcionamento da Sociedade Agraria de San Julián de Laíño, ao tempo que apoiou a loita do sindicato agrario da parroquia contra o caciquismo local. A instrución formaba parte, así mesmo, dos obxectivos fundacionais da asociación, que promoveu a construción en Tallós dun edificio que funcionaría como sede da sociedade de agricultores e como escola para os nenos e nenas da parroquia. Ademais de asumir o seu financiamento, a entidade enviaba diñeiro periodicamente para contribuír ao mantemento das súas instalacións e a pagar o soldo do mestre. A acta de constitución da asociación (1913), o libro de rexistro de socios (1914) ou a listaxe dos seus membros na data de 1937 son algúns dos documentos que se difunden na nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega. Tamén se incorporan o emblema da sociedade, o seu regulamento (1936), os libros de actas da Sección de Propaganda e Festas (1936-1939) e algunha da correspondencia enviada e recibida.

O Consello da Cultura Galega (CCG) informou no texto que acompaña a esta publicación que “houbo un pequeno número de emigrantes de Lestrobe que, no canto de unirse á Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro, optaron por fundar unha propia coa que axudar dun modo máis concreto aos habitantes da súa parroquia natal.” Foi así como naceu en Bos Aires no ano 1913 a Sociedad Hijos de Lestrove, que, no mesmo ano da súa fundación enviou fondos para que se puidese proseguir coa construción dunha praza pública no lugar de Lestrobe. A sociedade destacou tamén por apoiar a Federación Agraria del Distrito de Padrón en Bos Aires na súa loita contra o caciquismo e a prol do desenvolvemento agrario da comarca. O manuscrito coa lista de socios e socias que formaban parte da entidade na data do 19 de xuño de 1943, asinado polo seu secretario social, Ramón Mourelle, forma parte dos fondos que o AEG acaba de poñer na Rede.

Xunto con estes materiais, publícanse tamén algúns documentos pertencentes á entidade Unión Residentes de Dodro, que se creou tras a disolución en 1940 da Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro. Así, uns meses despois de que esta asociación cesase a súa actividade, a colectividade natural do concello de Dodro emigrada na capital da Arxentina decidiu reorganizarse para crear unha nova sociedade que se rexería por fins mutualistas e recreativos. Os libros de actas das reunións das xuntas directivas (1946-1952 e 1967-1989), o libro de rexistro dos membros da entidade (1940-1981), os informes de actividades presentados nas asembleas xerais de socios e socias dos anos 1941 e 1942 ou a correspondencia enviada e recibida constitúen os fondos documentais que o AEG divulga sobre esta asociación microterritorial, que aínda se mantén en funcionamento na actualidade.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.