David Chipperfield quere mellorar as relacións e as comunicacións de Compostela con Barbanza

04 Febreiro 2020
SONY DSC

Os impulsores da Fundación RIA, da que falamos recentemente para dar conta dos seus encontros en Porto do Son (para presentar o Laboratorio Ecosocial do Barbanza) e en Palmeira (para achegar detalles sobre o seu proxecto de remodelación do paseo marítimo), mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e máis a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, para estudar a posibilidade de facer vindeiras colaboracións en actividades que melloren a calidade de vida da veciñanza compostelá e na creación de mellores espazos urbanos para habitar. Na xuntanza participou (en representación de RIA) o arquitecto inglés afincado en Corrubedo David Chipperfield, fundador e presidente da fundación. Na reunión o Concello propúxolle emprazar a sede da entidade en Compostela, no antigo local da Mancomunidade (na rúa de Oblatas, a carón do río Sarela).

Pola súa banda, Chipperfield lembrou aos representantes do Goberno local as orixes e as principais liñas de traballo da fundación: naceu hai dous anos e medio en Ribeira, da man do seu estudio de arquitectos, urbanistas e investigadores, e centrou nun primeiro intre o seu radio de acción en Santa Uxía, Palmeira, Aguiño e Castiñeiras, na procura de recuperar cadansúas identidades e as súas arquitecturas tradicionais, apostando por recursos que garantisen a máxima integración entre o mar e o tecido urbano. Estas liñas de acción foron paseniño extrapolándose a outras contornas de Barbanza e agora, da man do Concello de Santiago, poderían dar o chimpo á capital de Galicia, o que significaría a súa consolidación definitiva como modelo de aplicación global.

Sánchez Bugallo mostrouse “satisfeito” por recibir a Fundación RIA, á cal “seguimos con atención dende a súa creación”. Tras ter constatado en outubro o seu desexo de ampliar o ámbito de actuación, dixo, “puxémonos a buscar un emprazamento para a súa sede en Santiago e ofrecémoslle a antiga sede da Mancomunidade, no Sarela, un edificio singular que espero sirva de inicio para a súa actividade futura”. En particular, o alcalde agarda contar coa colaboración da Fundación RIA para desenvolver proxectos no ámbito do Sarela e para outras iniciativas da cidade, como as relacionadas coa mobilidade.

Pola súa banda, David Chipperfield, agradeceu a “xenerosidade” do rexedor por facilitar o traballo de procura dunha base de operacións en Compostela, o que non impedirá, sinalou, que as ligazóns con Barbanza e coa ría de Arousa sigan sendo firmes e frutíferas. De feito, entre os seus proxectos futuros atópase achegar propostas para mellorar as relacións de mobilidade de Santiago cos concellos do Barbanza e Arousa Norte.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión