21 Días co Galego, o proxecto orixinado na Pobra, culmina o seu segundo chimpo autonómico

03 Febreiro 2020

Falar galego con naturalidade pódese facer de moitos xeitos, pero se cadra poucos métodos hai tan eficaces como mergullarnos durante uns cantos días no uso da nosa lingua e estendelo, ademais, a todos os ámbitos da nosa vida cotiá, mesmo ao tecnolóxico-dixital. Esta é a base da iniciativa 21 Días co Galego e +, que ten a súa orixe nunha iniciativa do mesmo nome ideada e posta en práctica pola profesora Pilar Ponte (IES da Pobra do Caramiñal) co fin de avanzar na normalización do galego no seu centro educativo. O proxecto medrou, deu o chimpo a outros recantos de Galicia,fíxose cun blog de seu e, durante o proceso, xerou dúas edicións e mesmo obtivo importantes recoñecementos ao seu pulo orixinal, como o recibido os días pasados da man da Deputación da Coruña e, previamente, pola Xunta (Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura e Turismo). Este 3 de febreiro esta innovadora experiencia de normalización pechou un novo e histórico capítulo da súa historia: culminou en Cambre a súa segunda edición.

No peche oficial desta nova convocatoria no IES Afonso X O Sabio de Cambre (A Coruña) participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira. Segundo lembraron, a segunda edición abrangueu e mobilizou 10 centros educativos, máis de 300 docentes, 60 membros do persoal de administración e servizos e case 4.000 estudantes de 12 a 18 anos e as súas familias.

Valentín García sinalou que “con esta segunda edición o programa consolidouse como un referente en dinamización lingüística e en innovación educativa, o que fai que cada vez máis centros se interesen en participar ou en desenvolver iniciativas semellantes a esta; unhas iniciativas que favorecen o coñecemento e, sobre todo, o uso da lingua galega entre as novas xeracións”. O secretario xeral de Política Lingüística salientou o “inxente esforzo do alumnado, do profesorado, dos equipos de dinamización da lingua galega, da coordinadora da actividade e, en definitiva, de toda a xente que participou nunha proposta que me consta que é tan esixente como satisfactoria”.

Xunto con Valentín García e Manuel Corredoira interviñeron no acto Pilar Ponte, coordinadora do programa 21 días co galego e +, e Félix Rodríguez Sanjurjo, director do IES Afonso X O Sabio de Cambre. Tras as súas palabras, tivo lugar a actuación do coro do centro educativo e, a continuación, un concerto da cantante Uxía.

Lingua oral e redes sociais

Segundo informaron Valentín García e Manuel Corredoira, un total de 3.877 adolescentes comprometéronse co programa a “falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que durou a actividade”; é dicir, un total de 504 horas ininterrompidas desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. A súa experiencia e os retos que foron superando reflectíronse en diferentes vídeos que difundiron no seu blog e nas redes sociais, onde gozaron, en palabras de García e Corredoira, “de amplo seguimento”, especialmente en Facebook, cun alcance de 14.400 persoas e máis de dez milleiros de interaccións.

O comezo de todo

Como dixemos, a experiencia 21 Días co galego e + é un programa promovido pola Xunta que ten a súa orixe en 21 Días co galego, unha experiencia que, baseada na fórmula dos “21 días” (o tempo que se considera preciso para a adquisición dun hábito), desenvolveuse hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado 2018-2019, o Goberno galego asumiu como propio facéndoo extensivo a outros catro centros, un por provincia.

En 2020, o programa continuou a súa expansión no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade coa participación de 10 centros e 3.877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de Bacharelato e de FP pertencentes a algún destas dez unidades docentes: IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).

O galardón a Pilar Ponte Patiño

Na categoría de Lingua, Pilar Ponte Patiño, profesora do IES da Pobra do Caramiñal de Lingua e Literatura Galegas, recibiu en 2019 o Premio da Cultura Galega. No ano 2012, a profesora creou no centro docente onde imparte clases o proxecto 21 Días co galego, co que anima as mozas e mozos do instituto a se expresar na nosa lingua durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua e no que o proceso de substitución lingüística polo castelán se acelerou de maneira notábel nos últimos anos.

Pilar Ponte creou a iniciativa co obxectivo de que o alumnado da Pobra do Caramiñal acadase “unha maior competencia na lingua do país e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, sempre concibidas para levar o idioma sobre todo a aqueles eidos onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes”. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e Bacharelato. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística.

Outros artigos

A Pobra acende o seu Nadal ao son da música e degustando chocolate

A Pobra do Caramiñal xa entra oficialmente no Nadal co acto de acendemento do alumeamento. Dous elfos de Papá Noel estiveron cantando panxoliñas polo centro urbano para guiar veciñanza cara a praza Alcalde Segundo Durán, onde, como xa é habitual, as crianzas estaban...

+

Adíase o concerto de Gallaecia Small Band na Pobra por mor da chuvia

A Pobra do Caramiñal acenderá o seu Nadal cun acto no 30 de novembro. Unha das actividades programadas é o concerto de Gallaecia Small Band que, finalmente, o Concello opta por adiar debido á previsión de chuvia para as últimas horas da tarde. A nova data é o 24 de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...