
O novelista Antón Riveiro Coello foi recoñecido hoxe pola Deputación de Coruña co Premio Torrente Ballester de narrativa. O galardón foille concedido ao novelista afincado en Boiro, integrante e co-impulsor da Asociación Barbantia, pola súa novela As liñas do paraíso. O premio a Riveiro Coello acompañouse doutra ducia de distincións culturais entregadas este venres 24 de xaneiro pola entidade provincial. Entre as creadoras-divulgadoras recoñecidas tamén estivo a profesora Pilar Ponte Patiño, impulsora, dende o IES da Pobra do Caramiñal, da iniciativa 21 Días co Galego.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, presidiron o acto de entrega duns premios que recoñeceron tamén o importante labor das deputadas do anterior Goberno provincial coruñés: Goretti Sanmartín Rei en cultura e a recentemente falecida Ánxela Franco, natural de Porto do Son, en Igualdade e Servizos Sociais.

Torrente, Raíña Lupa e Murguía
Como dixemos, no acto de hoxe concedéronse os premios dos gañadores do Torrente Ballester de narrativa que, con 25.000 euros de premio, é o de maior contía da nosa literatura. Nesta edición XXXI, por decisión do xurado o premio recaeu en Antón Riveiro Coello por As liñas do paraíso e en Álex Alonso por Crónica denigrante.
En canto á modalidade en lingua castelán, o Torrente Ballester recaeu no escritor murciano Miguel Sánchez Robles coa súa obra El síndrome de Hybris.
Destinado ao público infantil e xuvenil, o Premio Raíña Lupa chegou a súa 13 edición premiando a novela Antía e Daren e os pequenos detectives de Valentín Alvite. Polo que respecta ao galardón de ensaio foi para Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa de Manuel Fernández Calo e o XIX Rafael Dieste de textos teatrais para Amorodo agre de Fernando Castro Paredes.
Artes plásticas e visuais de premio
O galardón Luís Ksado de creación fotográfica tivo na convocatoria de 2019 dous gañadores: Javier Arcenillas coa colección Gangborder e Alejandro Real con Fillos de Breogán.
Tamén foron dous os premiados no Castelao de Banda Deseñada: Alberto Vázquez Rico con A Caza e Martín Romero Outeiral que inaugurou con Uxío o premio Castelao infantil e xuvenil.
En artes plásticas o artista Mauro Trastoy recolleu o XIV premio Isaac Díaz Pardo pola súa obra 7 mentres que o Jesús Núñez de artes gráficas non puido ser entregado en man ao tailandés Teerawoot Com-on e foi entregado a Pedro Galilea, membro do xurado.
Do metal á música balcánica
O premio do XI Concurso Fran Pérez Narf, como informamos os meses pasados dende O Barbanza (xa que o galardón resolveuse en Boiro, na Pousada da Galiza Imaxinaria), foi dar á banda de metal galaico Mileth, mentres que o Premio Gaos de composición musical recaeu en Alberto Núñez.
A coruñesa Isma Kalo na modalidade de xuvenil e o grupo Música das baleas de Caión recolleron tamén os premios do IV Concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil.

Premio para A Pobra do Caramiñal
Na gala entregáronse tamén os premios Rosalía de Castro de promoción da lingua e Begoña Caamaño de acción cultural pola Igualdade de Xénero. O portal GCiencia e o programa 21 Días con galego, promovido pola profesora Pilar Ponte dende o IES da Pobra do Caramiñal, gañaron esta nova edición dunha iniciativa que “busca contribuír á normalización do galego”. Amais, o Observatorio da Mariña pola Igualdade fíxose co Begoña Caamaño pola “súa ampla e intensa traxectoria de traballo por eliminar a discriminación das mulleres, en boa parte a través de proxectos de natureza cultural”.