A profesora da Pobra Pilar Ponte e a artista noiesa Soledad Penalta, Premios da Cultura Galega

27 Novembro 2019
Material conmemorativo de 21 Días co Galego nunha imaxe de Nós TV

Hoxe, na Biblioteca da Cidade da Cultura en Santiago, déronse a coñecer os galardóns dos Premios da Cultura Galega que concede cada ano o Goberno autonómico. As persoas, entidades e contribucións culturais distinguidas nesta edición resultaron ser o historiador e académico Xesús Alonso Montero, a artista noiesa Soledad Penalta, a agrupación Monicreques de Kukas, o músico Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, a profesora do IES da Pobra Pilar Ponte Patiño, os traballos de restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres.

Foron recoñecidas e recoñecidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Como dixemos, dous dos galardóns teñen relación directa coa nosa terra: o de Soledad Penalta, natural de Noia, e o de Pilar Ponte Patiño, profesora de Pobra do Caramiñal.

A artista noiesa Soledad Penalta

Soledad Penalta

A artista e escultora Soledad Penalta fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. Comezou a súa carreira en 1972 traballando coa cerámica e desenvolveu o seu traballo en obradoiros e seminarios con mestres como Isaac Díaz Pardo. Formouse na Escola de Oficios Artísticos da Coruña (1976-1980). Na década de 1990 comezou a traballar con fundicións en bronce, ferro e aceiro, salientando as esculturas de gran formato para exterior como as que están expostas no parque escultórico da Torre de Hércules, no paseo marítimo da Coruña.

Desde o ano 2018 forma parte, como académica numeraria, da Real Academia Galega de Belas Artes. Participou en diversas mostras individuais e colectivas e ten obras en diversos museos como o Museo Bello Piñeiro, en Ferrol e no Museo de Arte Contemporánea de Cerámicas O Castro, en Sada, entre outros.

Pilar Ponte Patiño

Na categoría de Lingua a premiada resultou ser Pilar Ponte Patiño, profesora do IES da Pobra do Caramiñal de Lingua e Literatura Galegas que, no ano 2012, creou no centro docente onde imparte clases o proxecto 21 días co galego, co que anima as mozas e mozos do instituto a se expresar en galego durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo, “actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua e no que o proceso de substitución lingüística polo castelán se acelerou notablemente nos últimos anos”, salientou o xurado, engadindo que a docente creou a iniciativa co obxectivo de que o alumnado da Pobra do Caramiñal acadase “unha maior competencia na lingua do país e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, sempre concibidas para levar o idioma sobre todo a aqueles eidos onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes”. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e bacharelato. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

“Hay cardenales que no creen en Dios” – Manuel Domínguez

Hay cardenales que no creen en Dios. Pero antes de empezar con el tema diré que ya se realizó el primer milagro de Francisco. Alguien puede decirme como 140 señores de promedio 75 años pueden aguantar 5 horas sentados al sol sin hacer 3,14 - 3,14, es decir pipi. Vamos...